O grupo “Troyanos de Compostela” ofrece un concerto gratuíto este sábado no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, ás 19.00 horas
O público poderá gozar cos temas do seu CD “Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya”, cancións do repertorio tradicional de tuna e da época da novela homónima de Pérez Lugín.
Santiago-Ourense, 22 de outubro de 2019 (Vía Láctea Comunicación).- O ano pasado, no marco dos actos conmemorativos do 25º aniversario do Museo Casa de la Troya, a agrupación musical da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Troyanos de Compostela, presentaba o seu primeiro CD no Teatro Principal compostelán baixo o título Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya. Este sábado, 26 de outubro, o grupo ofrece un concerto no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, coas cancións deste disco. A actuación, que é gratuíta ata completar o aforo, comezará ás 19.00 horas.
Esta actuación está promovida polo Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez de Celanova. A través desta iniciativa faise unha pequena conmemoración do 150 aniversario do poema Cantiga de Curros Enríquez, letra da popular canción Unha noite na eira do trigo, que está no repertorio do concerto.
Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, explica que “con este CD queremos recuperar e divulgar a música de autores galegos de finais do século XIX e comezos do XX, que é o tempo da novela autobiográfica La Casa de la Troya de Pérez Lugín, onde a música é a protagonista”. E pon de manifesto que queren seguir levando este proxecto por toda Galicia, con concertos noutras cidades e localidades galegas.
O grupo de pulso e púa da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya nace en 2013 como un proxecto vencellado ao museo. O seu obxecto é investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de corda pulsada que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX; lembrando así mesmo a figura de compositores galegos da época como Chané, Curros, Canuto Berea ou Marcial del Adalid.
A agrupación, que toca tanto en Santiago e no seu contorno como noutros puntos de Galicia e Portugal, está integrada por 32 compoñentes. Son persoas afeccionadas á música, profesionais en distintos ámbitos, unidas pola súa pertenza ás tunas de Compostela durante a súa etapa académica.
Un total de 26 cancións
O disco recolle 26 cancións, algunhas tradicionais como Canta rula, Potpourrí Ai Pepiño adiós, Que lle den bertorella ou A raíz do toxo verde. Outras son de autores coñecidos como Unha noite na eira do trigo (Montes, Salgado e Curros Enríquez), Negra sombra (Montes), Canta o galo (Adalid) ou Os teus ollos (Chané). Tamén se inclúen pezas que encaixan na época da Estudantina, como as instrumentais La Alfonsina, Santiago, Manoliño ou Muiñeira de Ponte Sampaio. Así mesmo, o grupo presenta versións de dúas das obras máis representativas da Tuna Compostelana, a homónima Tuna Compostelana e Fonseca. Recóllese Lela, co texto de Castelao, membro da tuna nos seus tempos de estudante; e Coímbra, en lembranza das viaxes por Portugal das primeiras tunas de Santiago, entre outros temas.