Ofrecerá un pequeno concerto na súa vila natal, Cedeira, no exterior da capela de San Antón, ás 12:00 horas
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A agrupación musical da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, “Troyanos de Compostela”, vai renderlle unha homenaxe ao xornalista José Manuel Maseda, finado en 2020 e que fora membro do grupo desde a súa fundación. O acto terá lugar en Cedeira, a súa vila natal, no exterior da capela de San Antón, un lugar ao que lle gustaba acudir con frecuencia. Será o vindeiro domingo, 4 de xullo, ás 12:00 horas, coa presenza da súa familia e de moitos dos seus amigos.
A homenaxe consistirá nun pequeno concerto, integrado por cinco cancións que Maseda cantou e interpretou en tantas ocasións xunto aos “Troyanos de Compostela” e que ademais están integradas no primeiro disco da agrupación, Viva Galicia! A música no tempo da Casa de la Troya, que reúne a música de autores galegos de finais do século XIX e comezos do XX. Soará unha selección dos seus temas predilectos: Santiago de J. Álvarez Cancio, Lela (poema de Castelao con música de Rosendo Mato), a muiñeira La Alfonsina de Canuto Berea, Tuna Compostelana (de Mariano Méndez Vigo, Dolores Martínez e Fernando García Morcillo) e Foliada do rueiro (de M. Iglesias Rodríguez e Crisanto Sanmartín). Son todos eles temas corais que permitirán a participación do conxunto de membros deste proxecto musical.
O grupo de pulso e púa da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos-Casa de la Troya nace en 2013 como un proxecto vencellado ao museo Casa de la Troya. O seu obxecto é investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de corda pulsada que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX; lembrando ao mesmo tempo a figura de compositores galegos da época.
A agrupación, que toca tanto en Santiago e no seu contorno como noutros puntos de Galicia e Portugal, está integrada por 31 compoñentes. Son persoas afeccionadas á música, profesionais en distintos ámbitos, unidas pola súa pertenza ás tunas de Compostela durante a súa etapa académica. Era o caso de José Manuel Maseda, un dos seus fundadores.
Os seus compañeiros lembran que Maseda comezou estudando Medicina -anos nos que estivo ligado á Tuna Compostelana-, que logo abandonou para dedicarse ao xornalismo, coincidindo coa creación da Televisión de Galicia (TVG). Falan del como “un compañeiro excepcional, un grande amigo, un bo músico, unha persoa á que lle gustaba vivir a vida, un modelo a seguir para todos nós”. O vicepresidente primeiro da Asociación, Juan Carlos Díaz del Valle, sinala que “esta homenaxe pretende servir de lembranza e de recoñecemento á figura de José Manuel Maseda e tamén como un pequeno regalo para a familia”.