O museo amplía a súa temporada ata o doce de outubro, pero só abrirá xoves, venres e sábados, agás a ponte do Pilar en que abrirá todos os días
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya realizará o derradeiro roteiro da temporada este xoves ás oito da tarde, saíndo do propio museo. O guía Suso Martínez vestirase do trobador medieval Paio Gomes Chariño para dramatizar o itinerario polas rúas vellas da cidade, acompañado por un grupo de troyanos que interpretarán pezas do cancioneiro medieval como Romance de Don Gayferos ou Sediame eu na ermida de San Simón. Para anotarse a este roteiro medieval cómpre escribir a visitas@lacasadelatroya.gal ou chamar o propio xoves ao museo, cuxo teléfono é 695 211 266.
Paio Gomes Chariño, trobador e soldado, traslada ao público asistente á Compostela de finais do século XIII polas rúas da Troia, Moeda Vella, Xerusalén, Casa Gótica, Algalia de Abaixo, Praza de Cervantes, Santa María Salomé e Praterías. Declamaranse cantigas da época e levará acompañamento musical, nun paseo polos lugares vinculados a trobadores, poetas e protagonistas da lírica medieval. Será unha viaxe aos séculos de ouro da literatura galego-portuguesa e das peregrinacións a Compostela.
O paseo troyano, que forma parte do proxecto “Roteiros de Compostela: Do Pórtico da Gloria a La Casa de la Troya”, durará unha hora e media aproximadamente, e comezará ás oito da tarde diante do propio museo, onde tamén acabará. O prezo xeral é de 5 € e para menores (entres seis e catorce anos), 2 €. Hai vinte prazas.
Por outra parte, o museo amplía a súa temporada de apertura ata o vindeiro doce de outubro, pero só poderá visitarse os xoves, venres e sábados, agás a ponte do Pilar, en que abrirá todos os días. E mantense o horario habitual de mañá e tarde: de 11 a 14 e de 16 a 20 horas.