O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas durante a Semana Santa, desde este venres ata o domingo 17 de abril

Haberá visitas guiadas pola vella pensión de estudantes, en grupos de doce persoas máximo

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse desde este venres, día 8, ata o domingo 17 de abril. O horario é o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Permanecerá aberto todos os días, agás o luns 11 e o martes 12.

©Adolfo-Enriquez
© Adolfo Enríquez

Benigno Amor é o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Indica que “retomamos así a tradición de reabrir por Semana Santa, que tivemos que suspender en 2020 a causa da pandemia. Para facilitar as visitas, abriremos tamén os dous domingos, de Ramos e de Pascua”. Explica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de doce persoas máximo”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen nestas datas a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.

Tal como sinala o director, “a pesar de estar pechados, non deixamos de traballar durante o inverno para manter o museo en bo estado de conservación. A nosa previsión é reiniciar despois a temporada de verán o día 18 de maio, co gallo do Día Internacional dos Museos, abrindo logo en fins de semana (de xoves a sábado) ata mediados de xullo, e xa en horario continuado (de martes a sábado) ata mediados de setembro”.

Amor apunta que están a traballar nun proxecto para atraer alumnado de colexios, retomando as visitas escolares realizadas antes da pandemia. Ademais, está previsto que no mes de maio regresen os Roteiros Troyanos, percorridos teatralizados polo casco histórico da cidade. Tamén agardan continuar con outras iniciativas como os roteiros dramatizados pola Compostela dos trobadores, que se levaron a cabo o ano pasado no marco da convocatoria “O teu Xacobeo”. Así mesmo, vaise recuperar a actividade da agrupación musical do museo, Troyanos de Compostela, que vai actuar no festival benéfico organizado por Manos Unidas, que terá lugar en Santiago a finais de abril.

A vinculación do Museo coa cidade

En 2021 o museo abriu un total de 95 días, nos que se achegaron 2.264 persoas (1.790 de xuño a outubro e 474 persoas en novembro e decembro). “En canto ao lugar de orixe, o 90% procedían de España e o 10% do estranxeiro. Dos visitantes nacionais, o 30% son galegos e preto do 40% de Santiago, o que manifesta a enorme vinculación que o museo ten coa cidade” -resalta o director-. Amor indica que “estes datos cómpre valoralos tendo en conta a situación sanitaria, por canto nun ano normal as visitas serían máis do dobre, e a procedencia dos estranxeiros suporía en torno a un 25%”.

Scroll to top