A Casa de la Troya celebra este mércores unha xornada de portas abertas para conmemorar o Día Internacional dos Museos

Comeza así a súa temporada de primavera-verán, na que se poderán realizar visitas guiadas pola vella pensión de estudantes, en grupos de dez persoas máximo

Santiago, 16 de maio de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya reabre este mércores, 18 de maio, Día Internacional dos Museos, comezando así a súa temporada de primavera-verán, que se prolongará, alomenos, ata finais de setembro. Con motivo desta efeméride, celebrará unha xornada de portas abertas o propio mércores, con visitas guiadas cada media hora para grupos cun máximo de dez persoas. O horario da Casa de la Troya é o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O museo abrirá de xoves a sábado ata mediados de xullo, e logo xa en horario continuado (de martes a sábado) ata mediados de setembro, pechando domingos e luns.

Benigno Amor é o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Indica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.

O director salienta que, “nesta nova temporada agardamos superar a cifra de visitantes do ano pasado e seguir mantendo as voas valoracións coas que agora contamos nas redes sociais, 4,7 en Google e 4,5 no Tripadvisor”. Segundo sinala, “as opinións coinciden na sorpresa (“No sabíamos con qué nos encontraríamos, pero nos sorprendió esta visita a una casa y pensión del XIX con tanta historia literaria”), no interese das explicacións das guías (“Pasamos una hora estupenda, sobre todo con Carmen, una guía amena. La verdad es que al acabar la visita tienes ganas de volver a leer el libro y volver a ver la pelicula”), xunto á satisfacción por descubrir outra Compostela (“Un rincón de Santiago que merece la pena visitar al margen del turisteo habitual”)”.

Fachada do Museo Casa de la Troya

Roteiros e Encontros Troyanos

En canto ás actividades do museo, en xuño está previsto que regresen os Roteiros Troyanos, percorridos teatralizados polo casco histórico da cidade e a Casa da Troya, todos os venres durante o verán. Ademais, estase a traballar para realizar a cuarta edición dos Encontros Troyanos en Compostela, onde, ademais dos anfritrións -a agrupación Troyanos de Compostela-, actuará a TunAmérica Universitaria de Puerto Rico. 

Un edificio do século XVIII

O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O edificio, construído a mediados do século XVIII, foi hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela de Lugín e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor Rodríguez, finado en 2009.

Scroll to top