O “II Festival dos Camiños” reunirá esta fin de semana en Santiago a agrupacións de antigos tunos de Galicia e Puerto Rico

A cita será o sábado no Palco da Música da Alameda compostelá, a partir das 19:00 horas

Cartel do II Festival dos Camiños

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- O “I Festival dos Camiños” celebrouse en Santiago en 2021, no marco dos “III Encontros Troyanos en Compostela”. O obxectivo dos Encontros, organizados pola Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya, é o de reunir na capital galega a agrupacións musicais de corda pulsada, conformadas na súa marioría por antigos tunos, co fin de que interpreten o seu repertorio para cidadáns e visitantes.

Esta nova edición faise en formato reducido pero coa vontade de resaltar o “Festival dos Camiños” e manter esta cita nos vindeiros Anos Santos. Nesta ocasión, o evento vai estar dedicado aos Camiños de América. Así, participarán a TunAmérica Universitaria de Puerto Rico, xunto cos anfitrións, Troyanos de Compostela. O festival terá lugar o sábado, 25 de xuño, a partir das 19:00 horas no Palco da Música da Alameda compostelá.

“Quixemos levar o festival ao Palco de Música da Alameda por tratarse dun lugar emblemático da cidade e de fácil acceso para o público. Deste xeito, continuamos coa liña de anteriores Encontros de levar as nosas músicas á rúa, xa que queremos achegala tanto á cidadanía de Compostela como aos visitantes; co obxectivo tamén de seguir divulgando o noso repertorio, composto de pezas que forman parte da banda sonora de Santiago” -explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo Casa de la Troya-.

O sábado mesturarase o repertorio de música iberoamericana da TunAmérica Universitaria de Puerto Rico co repertorio galego de Troyanos de Compostela. Así, soarán pezas como a chilena “Todo cambia”, a mexicana “Así fue”, a paraguaya “Pájaro Chogüí”, a portorriqueña “En mi viejo San Juan” ou as galegas “Lela”, “Unha noite na eira do trigo” ou “Foliada do Rueiro”.

A TunAmérica Universitaria de Puerto Rico é unha agrupación de instrumentos de corda e percusión, composta por universitarios e profesionais. Desde a súa fundación en 1993, cultiva, mantén e promove a música portorriqueña e a tradición das tunas por todo o mundo. Está recoñecida polo Senado portorriqueño como a representante oficial de Puerto Rico nos diferentes certames internacionais de tuna, motivo polo que loce o escudo dese país na súa beca.

TunAmérica Universitaria de Puerto Rico

Troyanos de Compostela

Pola súa parte, Troyanos de Compostela, nacida en 2013, xurdiu como proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya cos obxectivos de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España e Portugal.

Cómpre salientar, ademais, a grabación do CD “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”, presentado en 2018. O título deste CD é unha homenaxe a Pérez Lugín; a José Gómez Veiga “Curros”, director musical da Tuna Compostelá naquel tempo e músico de grande influencia na vida musical de Santiago; e a Compostela e ás súas rúas, polas que tantos estudantes pasaron ao longo dos máis de cinco séculos de existencia da universidade compostelá.

Scroll to top