O Museo Casa de la Troya amplía a súa temporada e promoverá novas visitas culturais teatralizadas polo centro histórico de Santiago en setembro e outubro

O alumnado da Universidade de Santiago poderá percorrer de balde a vella pensión de estudantes con cita previa

O Museo Casa de la Troya amplía a súa temporada. Esta semana abre ata o sábado. Desde o 15 de setembro ao 15 de outubro poderá visitarse os xoves, venres e sábados. O horario do museo é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Todas as visitas son guiadas e teñen unha duración duns 25 minutos, en grupos de dez persoas máximo.

Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, anima ao alumnado da Universidade de Santiago a coñecer a Casa de la Troya. “É outra visión da Universidade a través dunha pensión de estudantes de finais do século XIX. Percorrela representa unha magnífica oportunidade de ver como evolucionamos e, ao mesmo tempo, como permanece ese espírito estudantil en Santiago ao longo dos anos” -resalta-. Así, as visitas serán de balde para os estudantes da USC, previa reserva nos teléfonos do museo (981 585 159 / 695 211 266) ou a través de correo electrónico (visitas@lacasadelatroya.gal).

Cartel Venres Troyanos
Cartel de Venres Troyanos

Roteiros dramatizados polo casco histórico compostelán

Ademais, o Museo Casa de la Troya continúa coa súa actividade dos Venres Troyanos, roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela que buscan achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya. As seguintes citas terán lugar os días 16 e 23 de setembro. En outubro celebraranse os días 7 e 14.

Estes roteiros dramatizados parten da praza de Mazarelos, ao pé da estatua de Montero Ríos, ás 19:00 h, e rematan cunha visita ao Museo Casa de la Troya aproximadamente unha hora e media máis tarde, sobre as 20:30 h. O número máximo de participantes por cada visita é de 15. Pódese realizar reserva previa enviando un correo electrónico ou chamando ao museo. Teñen un custo de 5 € e de 2 € para os menores de 16 anos.

EEstas visitas guiadas ofrecen a posibilidade de viaxar no tempo ata a Compostela de finais do século XIX da man de Casimiro Barcala, o estudante recreado por Pérez Lugín na súa novela; interpretado por Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia.

Scroll to top