O vindeiro ano está previsto recuperar as visitas dos colexios, co fin de achegar a Compostela do XIX ás novas xeracións
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- O Padroado do Museo Casa de la Troya celebrou a súa xuntanza anual esta mañá no salón reitoral da Universidade de Santiago. Asistiron o seu presidente, o reitor da USC, Antonio López; a primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario do Padroado, Fausto Santamarina; o tesoureiro, Alejandro Otero; Juan Carlos Díaz del Valle, vogal; Agustín Pena, presidente de Alumni-Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela; xunto a Benigno Amor, presidente da Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya.
Durante a reunión deuse conta da memoria de actividades desenvoltas ao longo deste ano, ao tempo que se avanzaron as previstas para 2023.
No transcurso da xuntanza informouse de que na temporada de apertura do Museo, que coincide coa Semana Santa e os meses de verán, recibíronse un total de 2.281 visitantes. Estas cifras representan un importante incremento e recuperación con respecto aos dous anos anteriores, marcados pola pandemia, nos que se achegaron 1.031 (2019) e 1.790 (2020) persoas. En canto á súa procedencia, a maioría dos visitantes deste ano chegaron de España (75%), fronte aos estranxeiros (25%). Por comunidades autónomas, a maioría veñen de diferentes puntos de Galicia (43%), seguidos dos de Andalucía (15%), Madrid (13%) e Valencia (8%). De Europa, a maioría chegan de Italia (34%), Gran Bretaña (23%) e Francia (12%). “A previsión é voltar en 2023 ás cifras dos anos anteriores á pandemia, superando a barreira dos 2.500 visitantes. E cómpre salientar que todas as visitas son guiadas polo persoal do Museo” -manifesta Benigno Amor-.
“Para o novo ano quixeramos recuperar as visitas de colexios, co propósito de achegar a Compostela de finais do século XIX ás novas xeracións. Gustarianos comezar estas visitas cara á Semana Santa, polo que animamos aos centros educativos de Santiago e a súa contorna e tamén aos do resto de Galicia a que contacten co Museo a través do enderezo visitas@lacasadelatroya.gal” -indica Amor.
En 2023, ano no que se cumpre o 30º aniversario da inauguración do Museo, continuarase coa liña de conservación e mantemento, a realización de visitas e actividades culturais, contando tamén coa colaboración da agrupación musical “Troyanos de Compostela” como entidade vencellada a la Casa de la Troya.