A agrupación de pulso e púa do Museo Casa de la Troya está formada por 35 profesionais de distintos ámbitos
“Enorgullécenos actuar no Colón, un dos templos das artes escénicas galegas, e abrir na Coruña o trixésimo aniversario do museo”, destaca o seu director
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- Troyanos de Compostela preséntanse na Coruña cun concerto que se celebrará este sábado no Teatro Colón ás 20:00 horas. Trátase da agrupación de pulso, púa, gaita e percusión da Asociación de Antigos Tunos Composteláns e vencellado a La Casa de la Troya en Compostela, museo romántico que mostra a vida dos estudantes universitarios de finais do século XIX e principios do XX.
Troyanos é un proxecto que nace hai dez anos con vocación de investigar, promover e interpretar a música que tocaba a Tuna Compostelana histórica, así como lembrar a figura e a obra dos compositores galegos daquela época. Na actualidade integran a formación 35 profesionais de diferentes ámbitos, aos que os une a pertenza ás tunas universitarias durante a súa etapa académica.
No Teatro Colón ofrecerán un programa de hora e media, que inclúe pezas do seu disco Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya, estruturado en cinco partes: Santiago, Portugal, Viva Galicia!, A Romaría, Fonseca e Aires de voda. A dirección musical do grupo corre a cargo de Miguel Carbajo; os tres solistas son Luis Ríos, Jorge Campos e Pedro Alcalde; actuará como presentador do espectáculo o actor Suso Martínez; colabora a parella de baile Carla Gómez e Cibrán Meléndez, da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos; mentres que Fernando Cortizo se responsabilizará dos recursos audiovisuais.
O 27 de febreiro fai 30 anos que se abriu en Santiago o Museo Casa de la Troya, polo que a súa agrupación musical celebrará a efeméride con diversas actividades ao longo de todo o ano, tal como explica Benigno Amor, director do museo e presidente da Asociación de Antigos Tunos. “O motivo de iniciar esta programación na Coruña débese á vinculación da cidade tanto co autor da novela La Casa de la Troya, Alejandro Pérez Lugín, como con varios troyanos, como Manuel Casás (Alcalde da Coruña en dúas ocasións e Presidente da Real Academia Galega desde 1937 ata 1960) ou Alejandro Barreiro (compostelán e director de La Voz de Galicia desde 1914 ata 1937). Os tres atópanse, ademais, enterrados no cemiterio de San Amaro”, engade Amor en clave histórica.
“Enorgullécenos actuar no Teatro Colón, un dos templos das artes escénicas galegas, e poder presentar ao público coruñés o noso proxecto, tan ligado ao Museo Casa de la Troya, abrindo na cidade herculina a conmemoración do seu trixésimo aniversario”, conclúe o director.