Haberá visitas guiadas pola vella pensión de estudantes, en grupos de doce persoas máximo
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse desde este xoves, 30 de marzo, ata o domingo 9 de abril (incluído). Co fin de facilitar as visitas, abrirase tamén os dous domingos, o de Ramos e o de Pascua, pechando unicamente o luns 3 e o martes 4. O horario é o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Abrirá novamente en maio para comezar a temporada de verán.
Benigno Amor é o director do Museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo. Explica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de doce persoas máximo”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen nestas datas a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.
“Ademais, este ano o Museo celebra o seu trixésimo aniversario. Con tal motivo, desde a Asociación Cultural – Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya estamos a traballar nun programa de actividades para os vindeiros meses, no que terá especial protagonismo Troyanos de Compostela, a agrupación musical do Museo” -indica Amor-.
O 18 de maio desenvolverase unha programación especial para conmemorar o Día Internacional dos Museos. E ao longo do ano organizaranse visitas de colexios de Santiago e da súa comarca e tamén do resto da provincia da Coruña, co fin de que os máis novos coñezan a vida universitaria compostelá de finais do XIX e comezos do XX. Continuarase así mesmo coas habituais visitas de tunas universitarias e de agrupacións de antiguos tunos procedentes de diferentes partes do mundo.
De maio a outubro regresarán os Roteiros Troyanos, percorridos dramatizados polo centro histórico de Santiago, guiados polo personaxe de Casimiro Barcala, o estudante recreado por Pérez Lugín na súa novela; interpretado desde hai anos por Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia. Un destes roteiros levará o acompañamento de Troyanos de Compostela.
En setembro celebraranse os “V Encontros Troyanos en Compostela”, coa participación dos Tunos Decanos de Iberoamérica. Este evento traerá a Santiago a antigos tunos procedentes de Portugal, México, Puerto Rico, Chile, Colombia e Perú, entre outros países latinoamericanos. A finalidade desta proposta é reunir na capital galega a agrupacións musicais de corda pulsada, conformadas na súa marioría por antigos tunos, co fin de que interpreten o seu repertorio para cidadáns e visitantes. “Con iniciativas como esta remarcamos o carácter de la Casa de la Troya como lugar de peregrinación de tunos e antigos tunos de todo o mundo” -salienta Amor-.