Comeza así a súa temporada de primavera-verán, na que se poderán realizar visitas guiadas pola vella pensión de estudantes, en grupos de doce persoas máximo
Santiago, 16 de maio de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya, que este ano conmemora o seu 30º aniversario, reabre este xoves, 18 de maio, Día Internacional dos Museos, comezando así a súa temporada de primavera-verán, que se prolongará ata mediados de outubro. Con motivo desta efeméride, celebrarase unha xornada de portas abertas o propio xoves, con visitas guiadas cada media hora para grupos cun máximo de doce persoas. O horario da Casa de la Troya é o habitual, de 11-14 e de 16-20 horas. O museo abrirá de xoves a sábado ata mediados de xullo, e logo xa en horario continuado (de martes a sábado) ata outubro, pechando domingos e luns.
Benigno Amor é o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Indica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.
O director salienta que, “nesta nova temporada agardamos superar a cifra de visitantes do ano pasado”. E lembra que no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia do casco histórico de Santiago pode visitarse ata finais de xuño a exposición “La Casa de la Troya, portadas no tempo (1915-2021)”, unha colección de portadas da novela de Lugín propiedade de Xosé Luís Bernal, “Farruco”, comisario da mostra, un total de 40 edicións diferentes.
En xuño regresarán os Roteiros Troyanos, percorridos teatralizados polo casco histórico da cidade e a Casa de la Troya, guiados por Casimiro Barcala, personaxe da novela de Lugín. Algún destes roteiros levará o acompañamento musical de Troyanos de Compostela, a agrupación de pulso e púa do museo.
Dentro da programación conmemorativa do 30º aniversario do Museo, a mediados de setembro terá lugar a quinta edición dos “Encontros Troyanos en Compostela”, coa participación dos Tunos Decanos de Iberoamérica (TUDI), entidade conformada por antiguos tunos de España, Portugal e diversos países de Iberoamérica (México, Chile, Puerto Rico, Perú, Colombia…).
Un edificio do século XIX
O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O edificio foi hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor Rodríguez, finado en 2009. Na actualidade estanse a realizar obras na fachada do inmoble, co propósito de que estea en perfectas condicións para a nova temporada.