Tamén se realizaron melloras na cheminea e no teito do cuarto anexo á cociña, nas carpinterías e en elementos de tea, como os encaixes das cortinas
“Este traballo no Museo Casa de la Troya é tan especial como o da Catedral ou de calquera edificio histórico”, suliña Martínez
“O museo debe seguir sendo representantivo de traballos e oficios artesanais composteláns, ademais da tradición universitaria musical”, afirma o seu director, Benigno Amor
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya, que este ano conmemora o seu 30 aniversario, acaba de rematar as obras de conservación e mantemento deste edificio do século XIX. En particular, leváronse a cabo unha serie de actuacións na fachada do inmoble, centradas na reparación dos balcóns, a restauración das carpinterías e a colocación dun expositor -para informar sobre os horarios e actividades do museo- e dun cartel de forxa.
Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Sinala que “aínda que todos os anos facemos algún traballo de conservación e mantemento, redobramos esforzos para poñer en marcha un ambicioso plan de conservación e mellora. Así, entre este ano e o pasado, coa colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña, realizamos tarefas de conservación preventiva dos balcóns de forxa, que se atopaban nun mal estado; da cheminea e do teito do cuarto anexo á cociña, por onde entraba auga cando había tormentas; da porta da entrada e de varias fiestras de carpintería, que sufrían dun forte desgaste; e de elementos de tea como os encaixes das cortinas, afectados por humidades. Contamos tamén coa colaboración do Consorcio de Santiago na redacción da memoria das actuacións a realizar na fachada”.
“Estamos especialmente orgullosos do novo cartel de ferro, que acometimos con fondos propios. Ademais de acubillar a tradición universitaria musical, considero que o museo debe seguir sendo representantivo de traballos e oficios artesanais composteláns que veñen dunha tradición que merece ser amosada e apoiada para que siga transmitíndose. Neste sentido, lamento o peche de comercios tradicionais como Dosel, a tenda de María Pereira, que acaba de xubilarse e que colaborou co museo dende os seus inicios na confección e conservación de cortinas e visillos”, salienta Amor.
“Nos últimos anos melloramos tamén a exposición de becas das tunas universitarias; posiblemente contemos coa máis importante colección a nivel mundial destas bandas de pano distintivas. Trátase dun elemento relevante, xa que o museo se foi convertendo nun lugar de peregrinación para tunas e agrupacións de antigos tunos das dúas beiras do Atlántico” –indica o director do museo–.
Amor pon de relevo que, “aínda que a Casa está bastante completa, sempre estamos atentos por se aparece algunha peza que sexa de interese. E, por suposto, estamos abertos a doazóns de material que enriqueza o noso patrimonio. Así, nos últimos anos recibimos unha frauta traveseira de 1860 que pertencera a D. Miguel de Justo, un tuno dos anos 30 do século pasado; un traxe tradicional de galega con bordados de acibeche; ou a bandeira da Tuna de Farmacia de Santiago dos anos 60”.
XXX Aniversario do Museo e V Encontros Troyanos
No marco das actividades conmemorativas do XXX Aniversario do Museo neste 2023, a mediados de setembro celebraranse os “V Encontros Troyanos de Compostela”, cos Tunos Decanos de Iberoamérica como agrupación convidada. Tamén en setembro se retomarán os “Venres Troyanos”, visitas teatralizadas polo casco histórico compostelán co actor e guía Suso Martínez. “Ademais, gustaríanos recuperar as visitas guiadas ao museo para colexios de Santiago e de toda Galicia” –apunta Amor–. E o broche final porao un concerto de Troyanos de Compostela no Teatro Principal de Santiago en decembro.
“Para poder manter o museo aberto e con actividade cómpre valorar o apoio das distintas institucións que conforman o Padroado Casa de la Troya: a USC, a Consellería de Cultura, o Concello de Santiago, Alumni USC e, moi especialmente, o traballo desinteresado e constante que se leva feito desde a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos desde a súa fundación en 1979. Estamos orgullosos de formar parte do tecido asociativo e cultural de Compostela e abertos a seguir colaborando con outras entidades, aportando o noso gran de area na conservación e transmisión do noso patrimonio material e inmaterial” –manifesta o director do museo–.
O valor da forxa tradicional
O ferreiro compostelán Chago Martínez foi o encargado de realizar os traballos de restauración dos balcóns e da elaboración do cartel e o expositor de forxa. En relación aos balcóns, explica que “se desmontaron e os trasladamos ao taller, onde se levou a cabo todo o proceso de restauración seguindo as técnicas tradicionais, de xeito totalmente artesanal, a man. Aproveitáronse todos os materiais orixinais que foi posible. Logo fixámolos á pedra con chumbo, sen soldaduras, tal como se fixo na Catedral ou no Pazo de Raxoi”. Asegura que as técnicas tradicionais contribúen a que as restauracións aguanten máis sen necesidade de intervención ao longo do tempo.
“Este traballo de restauración no Museo Casa de la Troya é tan especial como o da Catedral ou de calquera edificio histórico, os procesos técnicos son os mesmos. Os oficios tradicionais que realizan os artesáns baséanse en que as cousas fanse para que duren e, cun pouco de mantemento, perduren no tempo, tendo en conta ademais a calidade dos materiais antigos” –apunta o ferreiro–.
O novo cartel de forxa tipo bandeira do Museo tamén se realizou seguindo as técnicas tradicionais. “No caso histórico dunha cidade Patrimonio da Humanidade como Santiago de Compostela non podemos pendurar carteis de lona, só de pedra, madeira ou forxa; e cómpre seguir a normativa tanto no deseño das pezas como na súa elaboración. Por tanto, non empregamos pinturas sintéticas nin acrílicas, senón unha pintura oleosa a base de aceite, que presenta moita resistencia fronte aos cambios térmicos” –sinala o ferreiro Chago Martínez–.
HORARIOS DE VERÁN DO MUSEO
Ata o 16 de setembro o Museo Casa de la Troya abre de martes a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O resto do mes e ata o 14 de outubro -que pecha, como é habitual, ata Semana Santa- poderá visitarse de xoves a sábado.