Salón na Casa Museo

O Museo Casa de la Troya, accesible por un euro a todos os composteláns, veciños de Santiago e aos estudantes da Universidade

Coincidindo coa celebración do seu 30º aniversario, anímase ás familias e aos máis novos a coñecer a vella pensión, que recrea a vida universitaria compostelá de finais do século XIX

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- A Casa de la Troya, que este ano conmemora o seu 30º aniversario, quere achegar o museo a todos os composteláns, veciños de Santiago e estudantes da Universidade de Santiago. Con este motivo, durante as vindeiras dúas semanas, estes colectivos poderán facer un percorrido pola vella pensión de estudantes por tan só un euro, acreditando esta condición por medio do DNI ou do carné universitario.

Fachada da Casa de la Troya

O museo, que abre as súas portas nos meses de verán e durante a Semana Santa, pechará esta temporada o vindeiro 14 de outubro. O horario é de xoves a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Indica que “neste ano tan especial para nós, no que celebramos trinta anos de apertura da Casa de la Troya, queremos deste xeito que tanto os santiagueses como todas as persoas que viven na cidade e tamén os estudantes teñan a oportunidade de coñecer o museo, unha magnífica ocasión para achegarse á vida universitaria compostelá de finais do século XIX e principios do XX”. O director de la Casa de la Troya salienta que “cada ano recibimos un elevado número de visitas procedentes da nosa cidade”. E anima en particular ás familias e aos máis novos a descubrir “unha época moi significativa de Santiago”.

O resto dos visitantes poden percorrer o museo a un prezo de 2,5 euros. Pola súa parte, tanto os peregrinos como os xubilados poden beneficiarse dunha entrada reducida, a 1,5 euros. Todas as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos.

Un edificio do século XIX

O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O edificio foi hospedaría de estudantes entre os anos 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993.

Scroll to top