O Padroado do Museo Casa de la Troya celebrou a súa reunión anual no salón reitoral da Universidade de Santiago. Asistiron o seu presidente, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicepresidenta primeira, a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín; o vicepresidente terceiro, o presidente da Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya, Benigno Amor; o secretario, Fausto Santamarina; o tesoureiro, Alejandro Otero; e os vogais Juan Carlos Díaz e Eva López Barrio, presidenta da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago – Alumni USC.
No transcurso da xuntanza púxose de relevo que en 2024 continuarase a traballar na conservación do museo -que este ano conmemorou o seu 30 aniversario-, no fomento das tradicións universitarias compostelás, así como na promoción e realización de actos culturais na cidade. Para o vindeiro ano agárdase ademais poder recuperar as visitas de escolares á Casa de la Troya, tanto de centros educativos de Santiago e da súa comarca como procedentes doutros puntos de Galicia.