Os convites poden retirarse no despacho de billetes do Principal o mesmo día da actuación, desde as 17:00 ás 19:00 horas
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya, que amosa a vida dos estudantes universitarios de finais do século XIX e principios do XX, conmemorou ao longo deste ano o seu 30º aniversario. Un concerto de Troyanos de Compostela, a agrupación musical de pulso e púa, gaita e percusión do museo, porá o broche de ouro a estas celebracións. Será o vindeiro sábado, 16 de decembro, ás 19:00 horas no compostelán Teatro Principal. O evento, promovido pola Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya -entidade que xestiona o museo-, conta coa colaboración do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.
O concerto é gratuíto. Os convites (máximo dous por persoa) poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal o mesmo día da actuación, desde as 17:00 ás 19:00 horas, ata completar o aforo. Para todos aqueles que queiran colaborar co Museo Casa de la Troya, existe a posibilidade de realizar donativos voluntarios de 5 euros, que se recollerán na mesma billeteira.
O director do Museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor, amosa a súa satisfacción polo feito de que “cun pequeno orzamento fomos quen de restaurar elementos da casa, renovar a fachada cun cartaz de forxa e artellar unha pequena programación conmemorativa neste ano tan emblemático”. Salienta que “o Museo é un proxecto colectivo que está plenamente integrado na vida cultural de Compostela, pero que precisa atención e coidados para poder seguir amosando o patrimonio que atesoura ás xeracións futuras”.
A agrupación interpretará pezas do seu disco Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya
Troyanos de Compostela é un proxecto que nace hai dez anos con vocación de investigar, promover e interpretar a música que tocaba a Tuna en Santiago, así como lembrar a figura e a obra de compositores galegos daquela época. Na actualidade integran a formación 37 profesionais de diferentes ámbitos, aos que os une a pertenza ás tunas universitarias durante a súa etapa académica.
No Teatro Principal ofrecerán un programa de hora e media, que inclúe pezas do seu disco Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya, estruturado en cinco partes: Santiago, En Portugal, Viva Galicia!, A Romaría, Fonseca e Aires de voda. Ao igual que no concerto que ofreceron no Teatro Colón da Coruña o pasado mes de febreiro, fará de narrador o actor e guía Suso Martínez, interpretando ao personaxe de Casimiro Barcala, como vén facendo desde 2017 nos Roteiros Troyanos que organiza cada ano o Museo.
Contarase cunha parella de baile de “Cantigas e Agarimos”
Ademais, contarase coa colaboración especial dunha parella de baile da agrupación folclórica “Cantigas e Agarimos”. “Imos interpretar pezas que, sen dúbida, forman parte da banda sonora de Santiago. Por iso animo tanto ás persoas que nos seguen habitualmente como á xente nova a que se acheguen ao Teatro Principal para que coñezan e fagan súas estas músicas” -apunta Amor-.
A Casa de la Troya abría as súas portas como museo en Santiago hai 30 anos, o 27 de febreiro de 1993. Recrea a antiga pensión estudantil inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela do mesmo título. Está ambientada con mobles e útiles da época. Conserva fotografías, cadros e obxectos diversos que pertenceron a algunhas das persoas reais que inspiraron aos personaxes que aparecen no libro; ademais dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela, de autores relacionados coa obra de Lugín e outros de temática compostelá.