Cartel do "IV Festival dos Camiños".

O IV Festival dos Camiños reunirá esta fin de semana en Santiago a antigos tunos procedentes de Arxentina, que ofrecerán un concerto xunto a Troyanos de Compostela

A cita é o sábado-28 na igrexa de San Fernando, 21 horas

A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- Santiago acolle esta fin de semana o IV Festival dos Camiños, que este ano se celebra baixo o lema “Os Camiños da Emigración”. O obxecto desta proposta, impulsada pola Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, é o de reunir na capital galega a agrupacións musicais de corda pulsada, conformadas na súa maioría por antigos tunos, co fin de que interpreten o seu repertorio para cidadáns e visitantes, aproveitando nesta ocasión o feito de estreitar lazos con América Latina. 

Cartel do "IV Festival dos Camiños".
Cartel do “IV Festival dos Camiños”.

No festival actuará a Tuna Lírica Patagónica “Abremiless”, procedente da cidade arxentina de Comodoro Rivadavia, conformada por máis de trinta instrumentistas de guitarra, bandurria, mandolina, acordeón, teclado, percusión e pandeiretas. Interpretarán pezas do repertorio tradicional da estudiantina e outras de raíz folclórica hispanoamericana. Abrirán o festival os anfitrións, Troyanos de Compostela. O concerto celebrarase o vindeiro sábado, 28 de setembro, na igrexa de San Fernando, a partir das 21:00 horas. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo, pero os asistentes poderán facer un donativo a favor de Cáritas de San Fernando, cuxa parroquia colabora xenerosamente prestando a igrexa para o festival. Pola mañá, visitarán o Museo Casa de la Troya, as 12 horas.

A recepción aos arxentinos realizarase xa o venres pola tarde. Ás 17 horas participarán nun roteiro troyano polas rúas vellas de Compostela, dirixido e dramatizado polo actor Suso Martínez. Ás 18 horas serán recibidos polo reitor da USC, Antonio López, na Biblioteca América. Esta xornada finalizará con un encontro de confraternidade musical na Cafetería Ferradura da Alameda santiaguesa ás 21 horas.

“Es todo un sueño estar en Santiago y rememorar nuestra participación en el certamen internacional de tunas de 1980”

Tuna Lírica Patagónica “Abremiless”
Tuna Lírica Patagónica “Abremiless”.

“Continuamos coa liña de anteriores festivais de achegar as nosas músicas tanto á cidadanía de Compostela como aos visitantes; co obxectivo de divulgar o noso repertorio, composto de pezas que forman parte da banda sonora de Santiago, mesturando as cancións galegas coa música iberoamericana” -explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo Casa de la Troya-. Destaca así mesmo que “o Festival dos Camiños supón unha extraordinaria oportunidade de expresar a irmandade cos pobos de Latinoamérica, sendo ademais agrupacións que consideran ao Museo Casa de la Troya como un espazo mítico e lugar de peregrinación ao que voltar ao cabo do tempo”. Cómpre salientar que algúns dos membros da Tuna Abremiless son descendentes de galegos e asturianos, “cun acentuado sentimento de fervor polas súas raíces”. 

Pola súa parte, Luis Viegas, director de Abremiless, fala emocionado da súa chegada a Santiago e poder rememorar a súa participación no certame internacional de tunas que se celebrou en Compostela en 1980, cuxo director musical daquela, Juan Calo –que hoxe ten 88 anos– tamén vén coa agrupación. “Es todo un sueño para nosotros estar aquí. Cuando empezamos a organizar el viaje, familiares y amigos quisieron sumarse a la expedición, así que somos más de doscientas personas. La gran mayoría somos argentinos de padres gallegos y asturianos. Concretamente, mi madre era de O Grove y mi padre del Algarve portugués”, segundo sinala Viegas. 

A Tuna Lírica Patagónica “Abremiless” xurdiu no Centro Gallego da cidade arxentina de Comodoro Rivadavia

As orixes da Tuna Lírica Patagónica “Abremiless” remóntanse ao ano 1960. Daquela, o director da agrupación era Juan Virgilio Calo, que estaba á fronte do Coro do Centro Gallego de Comodoro Rivadavia; con raíces en Fisterra, aos seus 88 anos aínda se mantén na actualidade como integrante activo da mesma. O director actual é Luis Viegas, cuxa nai era do Grove.

En 2014, a cidade de Comodoro Rivadavia foi declarada Capital Nacional das Colectividades Estranxeiras. Das principais nacionalidades asentadas nesta urbe, os españois conforman o grupo máis numeroso, procedentes en boa parte de Galicia. “Los Abremiless” é a única Tuna en todo o territorio arxentino e a miúdo é convidada por centros e asociacións españolas. Integrada por 35 membros, a súa paixón é difundir a música e o canto mantendo viva a esencia dos trobadores.

É a segunda vez que visitan Santiago de Compostela, onde en 1980 participaron no “II Festival Internacional de Tunas”, promovido tamén pola Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya. O seu repertorio abrangue, ademais das cancións populares da Tuna, diferentes pezas do folclore hispanoamericano e mesmo fragmentos de zarzuelas. 

Troyanos de Compostela.

Troyanos de Compostela

Nacida en 2013, Troyanos de Compostela xurdiu como proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya cos obxectivos de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España e Portugal. En 2018 presentaron o seu disco “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”.

Scroll to top