Interior do Museo.

O Museo Casa de la Troya abre en Semana Santa, desde o xoves 10 ata o domingo 20 de abril

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025.- O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse desde o xoves 10 de abril ata o domingo 20 (incluído). Co fin de facilitar as visitas, abrirase tamén os dous domingos, o de Ramos e o de Pascua, pechando unicamente o luns 14 e o martes 15. O horario é o habitual, de 11 a 14 e de 16 a 20 horas. O Museo abrirá novamente en maio para comezar a temporada de verán.

Benigno Amor é o director de la Casa de la Troya e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo. Explica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de doce persoas como máximo”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen nestas datas a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima.

As entradas ao Museo son de 3 € o prezo xeral e de 2 € o reducido para familias numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes e peregrinos. “Nesta ocasión incorporamos tamén á veciñanza de Compostela á tarifa reducida, para animala a redescubrir unha parte da súa cidade, que seguro vai sorprender a quen non a coñeza. Ademais, a visita á Casa de la Troya é como unha viaxe no tempo, moi axeitada para facela en familia ou cun grupo de amigos” -sinala Amor-. As visitas para grupos poden reservarse a través do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal ou dos teléfonos do Museo: 981 585 159 e 695 211 266.

Tal como apunta Amor, “a nosa previsión é reiniciar despois a temporada de verán a mediados de maio, para celebrar o Día Internacional dos Museos e o Día das Letras Galegas. Abriremos as fins de semana, de xoves a sábado, ata mediados de xullo, logo xa en horario continuado (de martes a sábado) ata mediados de setembro, e de xoves a sábado ata mediados do mes de outubro”. Indica así mesmo que no mes de maio está previsto que regresen os Roteiros Troyanos, percorridos teatralizados polo casco histórico da cidade e o Museo Casa de la Troya, que se prolongarán durante todo o verán.

En 2024 visitaron o Museo 1.871 persoas

O pasado ano o Museo recibiu a visita dun total de 1.871 persoas, sumando a Semana Santa e os meses de verán, que son os períodos nos que abre ao público. O perfil de visitante é unha persoa de entre 45 e 64 anos, procedente na súa maioría de España (70%), sobre todo de Galicia (45%), Madrid (14%) e Andalucía (8%). De Galicia chegan, principalmente, de Santiago e a súa comarca (45%) e da provincia da Coruña (31%). Os estranxeiros representan o 30% e chegan fundamentalmente de Europa, predominando os británicos e os portugueses. Do continente americano, os mexicanos son os máis numerosos, seguidos dos arxentinos e dos estadounidenses.

Scroll to top