O Museo Casa de la Troya manterá abertas as súas portas durante todo o verán -ata mediados de outubro- para que composteláns e visitantes poidan percorrer a vella pensión de estudantes, inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. A partir de mañá martes, 15 de xullo, amplía os días de apertura, de martes a sábado -pechando só os domingos e os luns-, en horario de 11 a 14 e de 16 a 20 horas.
Benigno Amor é o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Manifesta que “estamos a facer un importante esforzo este verán, incrementando as nosas actividades e sacando algunha delas á rúa. Cómpre salientar a exposición conmemorativa do centenario da primeira versión cinematográfica da novela, para a que tivemos a sorte de contar co coñecemento e o entusiasmo da súa comisaria, Estíbaliz Santamaría. Ademais, coincidindo coas festas do Apóstolo, ampliamos o noso horario de martes a sábado”.

“Podemos presumir de que o museo foise convertendo nun lugar de peregrinación tanto para quenes estudaron na Universidade de Santiago como para tunas das dúas ribeiras do Atlántico. Non hai semana que non pase por aquí algunha agrupación para coñecer a casa e botar unhas pezas” -pon de relevo Amor-. Nesta liña, recentemente recibiron a visita da Cuarentuna de la Ciudad de México, “agrupación que nos visitara por última vez en 2014 e que moi probablemente volte a Compostela en 2027 para ofrecer un concerto xunto a Troyanos de Compostela”.
O director do museo lembra que “todas as visitas son guiadas, duns 25 minutos, e a través delas ofrecemos a experiencia dunha viaxe no tempo á Compostela de finais do século XIX. É unha magnífica vivencia tanto para a veciñanza como para aqueles que se acheguen a Santiago durante o verán. Ademais, neste Ano Castelao, poderán descubrir unha faceta menos coñecida deste persoeiro ilustre, como é a súa vinculación coa Tuna e coa novela de Pérez Lugín”.
A exposición “Unha noite” amosa como era a vida en Galicia hai un século
Coincidindo co centenario da primeira versión cinematográfica de La casa de la Troya, rodada polo propio Alejandro Pérez Lugín e estreada en 1925, o museo acolle unha exposición fotográfica conmemorativa baixo o título “Unha noite”. A musicóloga Estíbaliz Santamaría é a comisaria deste proxecto itinerante, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A mostra reúne máis de medio centenar de imaxes, que amosan diferentes momentos da histórica rodaxe, realizada tanto na cidade de Santiago como noutras localizacións da comunidade -Betanzos, Pontedeume, Combarro…-. Na súa maioría son instantáneas do fotógrafo José Gaspar, que fomou parte do equipo técnico do filme, e outras foron recuperadas polo investigador Carlos Castelao. Tamén hai imaxes publicadas nos xornais da época. Todas elas reflicten como foi o proceso de realización da película, ao tempo que retratan a Compostela universitaria de principios do século XX e a vida na Galicia de hai cen anos. As instantáneas van acompañadas dun código QR para que os visitantes poidan afondar na historia que se agocha detrás de cada unha delas.
En setembro regresan os Roteiros Troyanos
No mes de setembro regresa a actividade dos Roteiros Troyanos, percorridos culturais teatralizados polo casco histórico da cidade e a Casa de la Troya, guiados por Casimiro Barcala, personaxe da novela de Lugín; interpretado por Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia. Os interesados en participar nesta experiencia deberán facer a súa reserva a través dos teléfonos (981 585 159 / 695 211 266) ou do correo electrónico do museo (visitas@lacasadelatroya.gal).Esta iniciativa realízase en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago, a Asociación de Antiguos Compostelanos e Alumni da USC.
