Fotograma da película.

Charla sobre a relevancia da canción “Unha noite na eira do trigo” na novela “La casa de la Troya

A Aula Troyana é unha actividade iniciada en 2010, destinada a divulgar aspectos relacionados coa novela “La casa de la Troya” e coa música de finais do século XIX e comezos do XX. Coincidindo co centenario da primeira versión cinematográfica da obra de Alejandro Pérez Lugín, o Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos promoven unha charla centrada na interpretación, recepción e transformacións da canción “Unha noite na eira do trigo”, desde as súas orixes populares ata o cinema. Terá lugar este xoves, 11 de setembro, na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (Praza de Salvador Parga, 4), ás 19:30 horas. A entrada ao acto, que conta co apoio do Concello de Santiago, é gratuíta ata completar aforo.

Cartel do evento.

Baixo o título “Unha noite na eira do trigo: do branco luar ao cinema”, a conferencia impartiraa a investigadora e musicóloga Estíbaliz Santamaría, comisaria da exposición fotográfica itinerante que conmemora os cen anos da rodaxe da histórica película, estreada en 1925. Doutora en Musicoloxía pola Universidad Complutense de Madrid, destaca a importancia da música vencellada ao estudantado no relato de Lugín. “Pero hai unha canción que se aparta deses tons máis lúdicos e aparece nun momento íntimo entre Gerardo Roquer e Carmiña Castro, a parella protagonista. Ela senta ao piano e empeza a cantar Unha noite na eira do trigo. De feito eu cheguei a Lugín rastrexando a pegada musical na súa obra. Porque este proxecto nace da miña tese de doutoramento, que versa sobre a historia desta canción tan popular na Galicia e América dos séculos XIX e XX” -explica-.

A exposición “Unha noite” pode visitarse no Museo Casa de la Troya ata o vindeiro 11 de outubro

O Museo Casa de la Troya mantén abertas as súas portas ata o 11 de outubro, data na que se clausurará a mostra “Unha noite”, apoiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A exposición reúne máis de medio centenar de imaxes, que reflicten como foi o proceso de realización da película, retratando a Compostela universitaria de principios do século XX e a vida na Galicia de hai cen anos. Ata o 13 de setembro o horario do museo é de martes a sábado -pecha domingos e luns- e logo de xoves a sábado; de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Scroll to top