Troyanos de Compostela é a agrupación musical do Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos -entidade que xestiona o museo-. O vindeiro luns, 13 de outubro, abrirá o seu ensaio a todo o público interesado. Terá lugar, como é habitual, no centro sociocultural do Romaño (Travesía de Vista Alegre, 45), a partir das 20:30 horas, e prolongarase durante unha hora e media. Esta iniciativa conta co apoio do Concello de Santiago, en colaboración coa Rede de Centros Socioculturais da cidade.

Benigno Amor é o director do Museo Casa de la Troya e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos. Explica que “coincidindo co décimo aniversario do noso debut, a través desta proposta pretendemos achegar ao público, dun xeito máis distendido, o noso repertorio, baseado en pezas de compositores galegos de finais do século XIX e comezos do XX como Chané, Pepe Curros ou Pascual Veiga. Interpretaremos tamén pezas que forman parte da banda sonora de Compostela, tanto da Tuna Universitaria como do noso folclore. Haberá tempo ademais para interactuar cos asistentes e responder ás súas preguntas e comentarios”.
No transcurso do ensaio o público terá a oportunidade de gozar de pezas musicais tan populares e vencelladas a Compostela como “Os teus ollos”, ”Lela”, “Fonseca” ou a “Foliada do rueiro”. Trátase de cancións integradas no disco que a agrupación presentou no ano 2018, baixo o título “Viva Galicia! A música no tempo de a Casa de la Troya”, algunhas das cales xa aparecen mencionadas na novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín.
Troyanos de Compostela
A agrupación Troyanos de Compostela, nacida en 2013, xurdiu como un proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya cos obxectivos de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago na época en que transcorre a novela de Lugín; e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España e Portugal; e proximamente viaxará a Arxentina. A agrupación está integrada por persoas afeccionadas á música, profesionais en distintos ámbitos laborais, aos que une a súa pertenza a unha Tuna Universitaria durante a súa etapa académica.
