O luns 17 de novembro, ás 21 h no Teatro Principal, con entrada de balde previa retirada de convite
Este ano estase a celebrar o centenario da primeira adaptación cinematográfica da novela “La casa de la Troya” de Alejandro Pérez Lugín, que tamén foi o director da película. O filme vaise proxectar no marco do festival “Cineuropa”. Será este luns, 17 de novembro, ás 21:00 horas no compostelán Teatro Principal, un dos espazos que retrata o filme. A entrada é de balde, previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal, no Salón Teatro ou na Zona C.

En 1924 filmábase en Galicia unha das primeiras superproducións do cinema mudo en España: La casa de la Troya. Estreada en 1925 no Teatro da Zarzuela, en Madrid, e seguidamente no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo un éxito inmediato. Percorreu diferentes salas da península e mesmo chegou ao outro lado do Atlántico, proxectándose no mítico Carnegie Hall de Nova York, deixando unha pegada duradeira no cinema galego. A historia, ambientada en Santiago de Compostela, levou a cámara a distintos puntos da cidade e de Galicia, ofrecendo unha visión da sociedade galega de comezos do século XX. A película amosa paisaxes, arquitectura e formas de vida dun tempo en transformación, e foi recibida con entusiasmo polo público da época.
Cunha duración de 2 horas e 10 minutos, a proxección do filme irá acompañada coa interpretación en directo dunha banda sonora composta especialmente para celebrar este centenario. O seu autor é o compositor e pianista vigués Brais González, que estará acompañado da frautista Laura Lorenzo e da contrabaixista Raquel Miguélez.
A interpretación musical inclúe a participación en varios momentos da agrupación Troyanos de Compostela, que tocará a versión instrumental de cancións vencelladas ao ambiente estudantil da época. A agrupación nace en 2013 como un proxecto vinculado ao Museo Casa de la Troya, que recrea a antiga pensión estudantil inmortalizada por Lugín na súa novela homónima. O obxectivo de Troyanos de Compostela é investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela) e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos dese período.
Sinopse da película
En pleno Santiago de Compostela de comezos do século XX, Gerardo Roquer, un estudante madrileño despreocupado e vividor, chega á pensión universitaria coñecida como “La casa de la Troya”, onde convive cun grupo de compañeiros tan bohemios como rebeldes. A súa vida muda ao coñecer a Carmiña, unha moza inocente da cidade, por quen comeza a cuestionar o seu pasado frívolo e o seu futuro incerto. Entre serenatas, festas e liortas estudantís, a película debuxa con humor e tenrura o ambiente universitario compostelán e os primeiros pasos dun amor sincero.
