O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta mañá en Santiago o Museo Casa de la Troya. No seu percorrido, estivo acompañado polo director do Museo, Benigno Amor; e polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
O Museo, que está accesible ao público durante a Semana Santa e nos meses de verán, xa ten as súas portas abertas. Pode visitarse ata o domingo 5 de abril (incluído), pechando unicamente o luns 30 e o martes 31 de marzo. As visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de quince persoas como máximo. O horario é o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O Museo abrirá novamente o 14 de maio, coincidindo coa festividade da Ascensión, para comezar a súa temporada de primavera-verán.
As entradas ao Museo son de 3 euros o prezo xeral e de 2 euros o reducido para familias numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes, peregrinos e tamén para a veciñanza de Compostela. As visitas para grupos poden reservarse a través do correo visitas@lacasadelatroya.gal ou dos teléfonos do Museo: 981 585 159 e 695 211 266.
