26 de marzo de 2026.- A Aula Troyana é unha actividade iniciada en 2010, destinada a divulgar aspectos relacionados coa novela “La casa de la Troya” e coa música de finais do século XIX e comezos do XX. No marco desta iniciativa, o Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos promoven unha charla do luthier Vicente Carrillo. Será este sábado, 28 de marzo, no auditorio do Museo das Peregrinacións e de Santiago (Praza das Praterías, 2) ás 12:00 horas. A entrada ao acto, que conta co apoio do Concello de Santiago, é gratuíta ata completar aforo.

Vicente Carrillo é a oitava xeración dunha histórica saga de construtores de guitarras. O taller familiar, fundado en 1744 na localidade conquense de Casasimarro, leva case tres séculos dedicado á construción de instrumentos de corda, con gran sona e prestixio en todo o mundo. Explicará como foi evolucionando o oficio de guitarreiro, desde as súas orixes artesanais ata a actualidade, os cambios nos materiais, as técnicas de construción e as esixencias musicais de cada época. Compartirá experiencias persoais, anécdotas familiares e momentos clave que marcaron o desenvolvemento do taller, amosando como o coñecemento se foi transmitindo de xeración en xeración ata consolidar un estilo propio recoñecido por intérpretes nacionais e internacionais.
O luthier abordará ademais o papel da guitarra española como símbolo cultural, a relación entre o construtor e o músico, e os retos actuais da luthería, un oficio que -tal como salienta- “combina tradición, arte e innovación”. Durante o encontro, abrirase un espazo de participación para o público.
O seu traballo ten sido recoñecido por artistas nacionais e internacionais como Alejandro Sanz, Pablo Alborán, Elvis Costelo ou Mike Oldfield
Carrillo ten construído guitarras para artistas tan afamados como o mestre Paco de Lucía. O seu traballo ten sido recoñecido por innumerables figuras do mundo guitarrístico nacional e internacional, do pop, clásico ou flamenco, entre eles Tomatito, Pepe Habicuela, Niño Josele, Javier limón, Alejandro Sanz, Pablo Alborán, Jorge Drexler, Mike Oldfield, Elvis Costelo…, entre outros. En 2011 unha das súas guitarras soou no Teatro Real de Madrid: o mestre Cañizares interpretou o “Concierto de Aranjuez” de Joaquín Rodrigo xunto á Orquestra Filarmónica de Berlín dirixida por Sir Simon Rattlel.
Un dos seus últimos traballos foi o deseño e construción dun instrumento especialmente concibido para un dos compoñentes dos Rolling Stones, Keith Richards. Trátase dun pentalaúd, seguindo as características solicitadas polo guitarrista. Tamén fabricou unha guitarra para o seu compañeiro Ronnie Wood.
A Casa Real Española encargoulle unha guitarra para o presidente de Guatemala e outra para os duques de Luxemburgo
No ano 2024 a Casa Real Española confiou no seu taller para a construción dunha guitarra, agasallo dos Reis para o presidente de Guatemala. “Este encargo supuso para nosotros un gran honor y un reconocimiento al trabajo artesanal y a la tradición guitarrera que desde hace generaciones desarrollamos con dedicación y respeto por el oficio” -manifesta o luthier-. “Dos años más tarde, la Casa Real nos encargó una guitarra para los duques de Luxemburgo. Fue la confirmación del valor cultural y artístico de la guitarra española como símbolo de nuestra tradición musical y de la excelencia de nuestra artesanía” -destaca Carrillo-. O luthier indica que cada uno dos instrumentos que fabrican están concibidos como pezas únicas, elaboradas con madeiras selectas e co máximo coidado en cada detalle”.
Premio Nacional de Artesanía en 2010
Vicente Carrillo foi presidente do Gremio de Maestros Artesanos de la Guitarra Española. É colaborador da Federación Española de Guitarra e Instrumentos de Púa e ten impartido clases de luthería no Conservatorio Superior de Música de Murcia.
Entre os seus múltiples recoñecementos, foi nomeado “Castellano-manchego Distinguido” polo seu labor profesional e por lograr manter o oficio; luthier de Tuna España; en 2009 foi galardoado co Premio Regional de Artesanía de Castilla La Mancha; en 2010 recibe o Premio Nacional de Artesanía; en 2011 a Cámara de Comercio e Industria de Cuenca entrégalle a Medalla de Ouro e ese mesmo ano é recoñecido como empresa con máis de 100 años de traballo; e en 2017 recibe o Premio Fuera de Serie de Diseño e Innovación do diario “El Mundo” e “Expansión”.
