A Casa Museo.

O Museo abre na Semana Santa, desde o xoves 26 de marzo ata o domingo 5 de abril

24 de marzo de 2026.- O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse xa desde este xoves, 26 de marzo, ata o domingo 5 de abril (incluído). Co fin de facilitar as visitas, abrirase tamén os dous domingos, o de Ramos e o de Pascua, pechando unicamente o luns 30 e o martes 31. O horario é o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O Museo abrirá novamente o 14 de maio, coincidindo coa festividade da Ascensión, para comezar a súa temporada de primavera-verán.

Dormitorio do Museo

Benigno Amor é o director de la Casa de la Troya e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo. Explica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de quince persoas como máximo”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen nestas datas a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. 

As entradas ao Museo son de 3 € o prezo xeral e de 2 € o reducido para familias numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes e peregrinos. “Nesta ocasión incorporamos tamén á veciñanza de Compostela á tarifa reducida, para animala a redescubrir unha parte da súa cidade, que seguro vai sorprender a quen non a coñeza. Ademais, a visita á Casa de la Troya é como unha viaxe no tempo, moi axeitada para facela en familia ou cun grupo de amigos” -sinala Amor-.

As visitas para grupos poden reservarse a través do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal ou dos teléfonos do Museo: 981 585 159 e 695 211 266

Un edificio do século XVIII

O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX. O edificio, construído a mediados do século XVIII, foi hospedaría de estudantes entre os anos 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela de Lugín e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor Rodríguez, finado en 2009.

Scroll to top