O Museo Casa de la Troya reabre as súas portas este xoves, 14 de maio, coincidindo coa festividade da Ascensión. Comeza así a súa temporada de primavera-verán, que se prolongará ata mediados de outubro. O horario será o habitual: de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O museo poderá visitarse de xoves a sábado ata mediados de xullo, e logo xa en horario continuado (de martes a sábado), pechando os domingos e os luns.
Benigno Amor é o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona a Casa de la Troya. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. Lembra que “as visitas para grupos, cun máximo de quince persoas, son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintencinco minutos”.
As entradas ao museo son de 3 euros o prezo xeral e de 2 euros o reducido para familias numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes, peregrinos e tamén para a veciñanza de Compostela. As visitas para grupos poden reservarse a través do correo visitas@lacasadelatroya.gal ou dos teléfonos do museo: 981 585 159 e 695 211 266.
Visita á exposición “Unha noite”
Ao longo deste ano poderá seguir visitándose no museo a exposición fotográfica “Unha noite”, que conmemora o centenario da primeira versión cinematográfica de La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, estreada en 1925. A mostra reúne máis de medio centenar de imaxes, que amosan diferentes momentos da histórica rodaxe, realizada tanto na cidade de Santiago como noutras localizacións da comunidade -Betanzos, Pontedeume, Combarro…-. Reflicten como foi o proceso de realización da película, ao tempo que retratan a Compostela universitaria de principios do século XX e a vida na Galicia de hai cen anos.
Actividades conmemorativas do centenario do falecemento de Lugín
Ademais, ao longo deste ano vanse realizar diversas actividades nas cidades de Santiago e A Coruña para celebrar o centenario do falecemento de Alejandro Pérez Lugín. Está enterrado no coruñés cemiterio de San Amaro, próximo a dous ilustres troyanos, como foron o avogado Manuel Casás (alcalde da Coruña en tres ocasións e presidente da Real Academia Galega entre 1942 e 1960) e o xornalista Alejandro Barreiro (director de La Voz de Galicia desde 1914 ata 1937).
