Museo Casa de la Troya.

O Museo pode visitarse de martes a sábado durante o verán

O Museo Casa de la Troya manterá abertas as súas portas durante todo o verán para que composteláns e visitantes poidan percorrer a vella pensión de estudantes, inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. A partir do 14 de xullo amplía os días de apertura, de martes a sábado -pechando só os domingos e os luns-, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Este horario manterase ata mediados de setembro. Despois abrirá de xoves a sábado ata o peche da temporada, que será a mediados de outubro.

Museo Casa de la Troya.

Benigno Amor é o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Lembra que “todas as visitas son guiadas, duns 25 minutos, e a través delas ofrecemos a experiencia dunha viaxe no tempo á Compostela de finais do século XIX. É unha magnífica vivencia tanto para a veciñanza como para aqueles que se acheguen a Santiago durante o verán”.

As entradas son de 3 € o prezo xeral e de 2 € o reducido para familias numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes, peregrinos e tamén para a veciñanza de Compostela. As visitas para grupos -de quince persoas como máximo- poden reservarse a través do correo visitas@lacasadelatroya.gal ou dos teléfonos do museo: 981 585 159 e 695 211 266

Un percorrido pola exposición “La Casa de la Troya: Unha noite revelada”

Ao longo deste ano poderá seguir visitándose no museo a exposición fotográfica “La Casa de la Troya: Unha noite revelada”, que conmemora o centenario da primeira versión cinematográfica de La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, estreada en 1925. A mostra reúne máis de medio centenar de imaxes, que amosan diferentes momentos da histórica rodaxe, realizada tanto na cidade de Santiago como noutras localizacións da comunidade -Betanzos, Pontedeume, Combarro…-. Reflicten como foi o proceso de realización da película, ao tempo que retratan a Compostela universitaria de principios do século XX e a vida na Galicia de hai cen anos. 

Scroll to top