O cemiterio coruñés de San Amaro, onde está enterrado Alejandro Pérez Lugín, acolleu un acto de homenaxe ao escritor, xornalista e cineasta con motivo do centenario do seu pasamento. É unha iniciativa da Asociación de Antiguos Compostelanos e o Museo Casa de la Troya, en colaboración coa Tuna de Veteranos e a Asociación da Prensa da Coruña.
Este acto civil consistiu nunha ofrenda floral na sepultura de Lugín. Diante da súa tumba interviron o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor; o presidente da Tuna de Veteranos da Coruña, Domingo Álvarez; e a presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez. A homenaxe rematou coa interpretación conxunta de varias pezas por parte de Troyanos de Compostela e a Tuna de Veteranos da Coruña.
A vinculación de Lugín con Galicia e coa cidade da Coruña

Alejandro Pérez Lugín naceu en Madrid o 22 de febreiro de 1870 e faleceu no Burgo (Culleredo) o 5 de setembro de 1926. Está enterrado no cemiterio de San Amaro, próximo outros dous ilustres troyanos: o avogado Manuel Casás -alcalde da Coruña en tres ocasións e presidente de la Real Academia Galega de 1942 a 1960- e o xornalista Alejandro Barreiro -director de La Voz de Galicia entre 1914 e 1937-. Lugín foi xornalista, novelista, crítico taurino e director de cine. Fillo de Antonio Pérez Serrano, natural da localidade cordobesa de Cabra, e de María Josefa del Carmen García Lugín y Castro, natural de Santiago de Compostela. En 1883 trasladouse coa súa familia a Santiago.
Pérez Lugín tivo sempre unha especial vinculación con Galicia. A súa nai era prima de Rosalía de Castro. Estudou a carreira de Dereito en Santiago, época que rememora na súa novela “La casa de la Troya”, escrita en gran parte na súa casa na Mariña. Á súa morte, o Concello da Coruña encargouse de organizar o seu enterro. Sobre o seu sepulcro colocouse unha escultura xacente realizada polo escultor Bonome. Como homenaxe, dedicóuselle unha rúa na “Cidade Xardín”. No seu testamento, Lugín deixou un legado á Asociación da Prensa da Coruña para crear o premio de xornalismo que leva o seu nome.
Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo Casa de la Troya. Salienta que “a Pérez Lugín debémoslle a novela máis popular de todas cantas se cinguen ao ambiente compostelán, a súa primeira novela: La casa de la Troya (1915). Éxito de vendas inmediato, este relato estudantil fascinou aos lectores do seu tempo e non tardou en ser adaptada a novos medios de expresión como o cine. Por ela recibiu o premio Fastenrath da Real Academia Española”. Sinala que nos vindeiros meses continuarán coa realización de varios actos para lembrar a figura e a obra de Lugín no primeiro centenario do seu falecemento.
