O Museo.

O Museo súmase á Noite do Patrimonio con percorridos nocturnos e un concerto de Troyanos de Compostela

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España promove un ano máis As Noites do Patrimonio, unha iniciativa compartida polas cidades españolas recoñecidas pola UNESCO que convida a redescubrir os seus espazos históricos e culturais desde novas perspectivas. O Concello de Santiago súmase á celebración cunha serie de actividades destinadas a achegar o patrimonio á cidadanía.

Entre os espazos que se poderán visitar na cidade mañá sábado, 12 de setembro, está o Museo Casa de la Troya. Así, ademais do seu horario habitual -de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas-, abrirá as súas portas ao público de xeito gratuíto entre as 20:00 e as 23:00 horas.

Tal como explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona Museo, “haberá cinco quendas de doce persoas, cunha duración estimada dunha media hora cada unhas das visitas, que serán guiadas”. Apunta que “os visitantes terán a oportunidade de descubir ou redescubrir a vella pensión de estudantes que foi escenario da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, do que precisamente este mes se conmemora o centenario do seu falecemento”.

Troyanos de Compostela.

Por outro lado, no marco desta iniciativa, haberá unha actuación de Troyanos de Compostela, a agrupación de pulso e púa do Museo Casa de la Troya. Realizarán un concerto dunha hora na praza de Cervantes, a partir das 21:00 h. “Nesta Noite do Patrimonio queremos lembrar a figura de Pérez Lugín, polo que interpretaremos un repertorio netamente compostelán, con pezas musicais que aparecen na novela La casa de la Troya como Unha noite na eira do trigo ou Os teus ollos; xunto con cancións populares da propia cidade como a Foliada do rueiro ou Santiago; e tampouco faltarán clásicos da Tuna como Fonseca ou Tuna Compostelana -sinala Amor-.

“Estamos moi satisfeitos de colaborar co Concello de Santiago na Noite do Patrimonio, achegando o Museo Casa de la Troya e o seu patrimonio musical á cidadanía nunha data que, ademais, nos permite rendir homenaxe a Lugín coincidindo co centenario do seu pasamento” -manifesta o director do Museo-. Pon de relevo que “dende os seus inicios, un dos obxectivos de Troyanos de Compostela foi investigar e divulgar o repertorio musical de finais do século XIX e inicios do XX da nosa cidade, interpretándoo en público. En Santiago xa tivemos ocasión de facelo en escenarios tan senlleiros como o Teatro Principal, o Paraninfo da Universidade, Bonaval ou o Auditorio Abanca. Pero levabamos tempo buscando a ocasión de actuar na rúa, para que nos poidan escoitar tamén persoas que non coñecen o que facemos”.

Scroll cara arriba