O Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos -entidade que xestiona o museo- promoven un concerto da guitarrista cubana Dunia Hernández. A actuación, que conta co apoio do Concello de Santiago, terá lugar no propio museo este sábado, 10 de outubro, a partir das 20:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo para un máximo de 30 persoas, polo que cómpre reserva previa a través do correo visitas@lacasadelatroya.gal ou dos teléfonos 981 585 159 e 695 211 266.
Tal como explica o director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor, “baixo o título `Guitarras na Troia´, poñemos en marcha unha nova actividade, coa que queremos dar a coñecer o traballo de músicos dedicados á interpretación da guitarra que viven en Compostela, achegando ao público os ámbitos musicais nos que están especializados a través de concertos contados. Estas actuacións teñen o obxectivo didáctico de dar a coñecer diferentes estilos musicais e tamén acercar a novos públicos ao museo”.

A guitarrista Dunia Hernández
A profesora de música e guitarrista cubana Dunia Hernández, asentada recentemente en Santiago, é unha profesional con máis de 13 anos de experiencia, licenciada en Educacion Artística pola Universidad José Martí (Cuba). No seu país foi profesora de guitarra no Conservatorio Ernesto Leocuona, ao tempo que fundou e dirixiu a Orquesta de Cuerdas Infantil “Amigo Sincero”. Na actualidade imparte clases de guitarra en “A Casa da Trova”, unha escola de música e espazo de arte que xurdiu hai catro anos no barrio compostelán dos Basquiños.
No seu concerto fará unha viaxe musical a Cuba a través de distintas pezas e estilos (son, bolero, trova, guaracha, guaguancó…). Interpretará tanto obras populares como de compositores cubanos (Leo Brouwer, Ernesto Lecuona, Miguel Matamoros…). Ademais, comentará os diversos estilos e falará tamén da influencia de Galicia en diferentes pezas e autores do seu repertorio, para o que interactuará co público asistente.
Esta actuación enmárcase no programa “Outubro Troyano”, realizado en colaboración co Concello de Santiago, e que inclúe concertos didácticos de diferentes artistas no Museo Casa de la Troya, ademais de concertos da agrupación Troyanos de Compostela en centros socioculturais do rural compostelá, xunto a diversas actividades de carácter cultural. Forma parte ademais da programación conmemorativa do centenario do falecemento de Alejandro Pérez Lugín.
