A Novela

La Casa de la Troya es la biografía de una Ciudad, la primera novia del biógrafo, que entre Zarzuela sin música novela a cuadros, se quedó en Estudiantina.

José Nieto Iglesias, ¿Qué es la Casa de la Troya?

La Casa de la Troya é unha novela costumista, denominada “Estudiantina” polo seu autor, que narra o periplo compostelán de Gerardo Roquer y Paz, estudante de Leis a quen o seu pai envía á Universidade de Santiago a estudar, cansado da súa ociosa vida en Madrid. O ambiente da Cidade resúltalle molesto e aburrido nos seus primeiros días ata que, guiado por Augusto Armero, trasunto do propio Lugín, busca acomodo na pensión de estudantes rexentada por Dona Generosa Carollo: la Casa de la Troya. Coa amizade dos seus compañeiros de pensión, moitos deles integrantes da Tuna Compostelá a finais do XIX, e o namoramento de Carmiña Castro Retén, señorita da sociedade compostelá, vai cambiando a súa actitude á vez que se lle vai revelando unha nova visión de Santiago como unha cidade acolledora e chea de vida.

A novela reflicte aspectos da sociedade santiaguesa e os seus costumes ao longo da segunda metade do século XIX. Compostela serve de marco ao tema do amor, prestándolle o fondo dun clima xuvenil e despreocupado. A realidade que representa a obra é a vida estudantil, inserida no cotián. Detállanse na obra as actividades sociais relevantes (o teatro, os bailes, as serenatas, os paseos) e aspectos da vida rural.

Alejandro Pérez Lugín creou os personaxes da novela baseándose en persoas a quen coñeceu na súa época de estudante en Santiago, mantendo os seus nomes nalgúns casos e dándollos ficticios noutros. Para o personaxe de Don Servando, Lugín baseouse no reitor da Universidade na época, D. Jacobo Gil Villanueva. Habitan tamén na pensión Adolfo Pulleiro, "Panduriño", meritorio médico; José Nieto Méndez, "Nietiño", personaxe inspirado no que sería decano do Colexio Notarial de Burgos e pai das soadas sopranos Ofelia Nieto e Ángeles Oteín; Casimiro Barcala, mestura de Camilo Bargiela, escritor e cónsul de España en Casablanca, e do poeta Enrique Labarta Pose; Manuel Casás Barreiro, alcalde da Coruña en dúas ocasións e presidente da Real Academia Galega; Javierito Flama, que é Javier Puig Llamas, quen sería alcalde de Pontevedra; e Jesús Samoeiro, "Ostrogodo", inspirado en Carlos Pardo Pallín, quen chegou a ser secretario do Concello de Lugo e en Adriano Quiñones, posteriormente xuíz municipal na Pobra do Brollón. A través de todos eles podemos adentrarnos na vida dun estudante de Compostela a finais do século XIX.

Edicións

Publicada por primeira en vez en 1915, a primeira edición contaba con 448 páxinas e levaba unha portada de Castelao. Foi un tímido tenteo de 1.600 exemplares que patrocinou Gabino Páez, xerente por aquel entón da Casa Hernando (Madrid), tirándose na Imprenta La Editora. Desde o primeiro momento a novela foi un éxito, realizándose outras tres edicións máis nese mesmo ano, a cargo de Casa Pueyo (viúva de Gregorio Pueyo, Madrid). En 1916 a novela recibiu o premio Fastenrath, concedido pola Real Academia Española, o que acrecentou a súa popularidade.

En 1925 as edicións eran xa trinta, e cando en 1946 a Editorial Fax publicou en edición de luxo as Obras Completas de Alejandro Pérez Lugín, xa existían setenta edicións, algunhas das cales alcanzaron os 25.000 exemplares. Nese momento era publicada pola Libraría Galí (Santiago de Compostela), que o viña facendo desde a edición número 63. En 1970 vendíanse en España 10.000 exemplares anuais da novela. Ao mesmo tempo, tamén era publicada fóra de España, de maneira que o número desas edicións impresas pódense calcular, sen esaxeración, en máis de 100. Nos anos 80 era considerada a obra con máis edicións en lingua castelá despois da Biblia e o Quijote.

Entre as súas últimas edicións cómpre destacar as realizadas polo servizo de publicacións da Universidade de Santiago de Compostela (2008), que leva unha completa introdución a cargo da profesora María Ángeles Gómez Abalo; a de Auga Editora (2008), patrocinada polo Consorcio de Santiago e ilustrada polo pintor Suso Cubeiro; a editada polo propio Museo (2010) con motivo do Ano Santo 2010; e a editada por Camiño do Faro (2015) con ocasión do centenario da novela.

A novela foi utilizada como obra auxiliar no ensino do castelán, tanto en nacións hispanofalantes como en escolas e universidades de países con distinto idioma. Ademais, foi traducida ao portugués e ao inglés e, recentemente, ao francés e ao danés.

Cómpre valorar a actividade desenvolta pola editorial Camiño do Faro, ao publicar no ano 2013 The House of Troy, edición en lingua inglesa da obra, coa tradución que Mrs. Emmons Crocker realizara para a editorial R. G. Badger (Boston, MA) en 1922; e en 2017 La Maison de la Rue de Troie, versión en francés da novela.

 

Portada da novela

Sinopse

Gerardo Roquer é un mozo madrileño. O seu pai envíao, en contra da súa vontade, a rematar os seus estudos de Leis á afastada Universidade de Santiago, co propósito de que sente a cabeza e se esqueza da cupletista «La Mañitas».

Santiago móstrase como unha cidade moi chuviosa e triste para o mozo, acostumado á troula da capital. Pero axiña coñece a varios compañeiros que o convencen para que se instale con eles nunha típica fonda universitaria. Entón a súa vida dá un xiro, xa que a Casa da Troia é unha pensión de estudantes festeiros e pillabáns. E tamén lle chega o amor. Gerardo namórase de Carmiña de Castro Retén, pertencente a unha aristocrática familia galega, que se nega a casar con el ata que se licencie. Os compañeiros axudarano no seu empeño.

 

Contraportada da novela
Edición do Museo con motivo do Ano Santo 2010.