Versións cinematográficas
A novela, dado o seu éxito, coñeceu unha versión teatral e cinco cinematográficas.
Da man de Manuel Linares Rivas e do propio Lugín, a novela foi adaptada para o teatro e estreada con grande éxito no Teatro de la Comedia de Madrid o 26 de febreiro de 1919.
La Casa de la Troya foi levada ao cine ata en cinco ocasións. A primeira película, rodada en 1924, foi dirixida por Pérez Lugín xunto a Manuel Noriega. Trátase dunha cinta muda que contaba con intérpretes como Carmen Viance, Pedro Elviro, Florián Rey, Luis Peña Sánchez e Juan de Orduña. En 1925, Troya Film, da que tamén era socio Lugín, estreouna no Teatro de la Zarzuela de Madrid e no Coliseum Barcelona. A Galicia chegou pouco despois, con pases no cinema Royalty de Santiago, no teatro Linares Rivas da Coruña e no cine Royalty de Vigo.
Estrea da película en Pontecesures, en 1925
Ambientada na Compostela universitaria de finais do século XIX, foi un dos grandes éxitos cinematográficos da época. Nesta versión a Casa de la Troya sitúase na Casa do Cabido, Carmiña vive na Casa da Parra e a súa residencia familiar é o Pazo de Oca. A través do filme faise tamén un percorrido polas cidades galegas de Vigo, A Coruña e Betanzos.
Consérvase copia da película na Filmoteca Nacional e no Centro Galego de Artes da Imaxe da Coruña (CGAI), que a restauraron no ano 2003.
O éxito da película e do seu tema atraeu a Hollywood e en 1930, dirixida por Robert Z. Leonard e co título de In gay Madrid, realízase a segunda versión da novela, xa sonora, aínda que cun guión moi “retocado” respecto da novela. Entre os seus intérpretes cómpre destacar a Dorothy Jordan e a Ramón Novarro, na plenitude da súa carreira.
En 1936 realízase unha nova versión, dirixida por Juan Vila e Adolfo Aznar, e protagonizada por Tony d'Algy, Paulino Casado, José Cordero, Santiago Barat, Carmen Tierra, Dora Sánchez e Mimí de Alcázar. Por mor da Guerra Civil a súa estrea non tivo lugar ata finais do 39, no madrileño cine Rialto.
Novamente fóra de España, en México para Suevia-Ultramar Films e Panamericam Films, rodouse outra versión no ano 1947 baixo a dirección de Carlos Orellana. Con guión de Manuel Altolaguirre e música de Rodolfo Halffter, que adaptou varias cancións populares galegas, contaba entre os seus intérpretes con Armando Calvo, Charito Granados, Ángel Garasa, Carmen Molina, Consuelo Guerrero de Luna, Luis Alcoriza e Miguel Arenas. Estreouse en 1948 no cine Olimpia de Ciudad de México.
A última versión cinematográfica ata a data é de 1959, sendo estreada no Teatro Carlos III de Madrid. Dirixida por Rafael Gil e rodada en cor para Coral Films, contaba cun excelente reparto encabezado por Ana Esmeralda, Arturo Fernández, José Rubio, Julio Riscal, Manuel Gil, Félix de Pomés, Manolo Morán, Félix Fernández e Pepe Isbert.
A versión cinematográfica máis popular é a de 1959, a primeira que se rodou en cor, dirixida por Rafael Gil e protagonizada por Arturo Fernández e Ana Esmeralda. O actor Pepe Isbert fixo unha contribución maxistral no papel do catedrático Don Servando.