En abril de 2013 creouse a agrupación musical da Asociación, “Troyanos de Compostela”, que se presentou en público no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela o 7 de novembro de 2015, no marco dos "II Encontros Troyanos en Compostela", celebrados para conmemorar o centenario da edición da novela.
Troyanos de Compostela
Trátase dun proxecto vinculado ao Museo Casa de la Troya e que ten por obxectivos investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaba a Tuna Universitaria Compostelana a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo.
O elemento máis significativo deste grupo é o feito de conxugar investigación musicolóxica coa recreación dun repertorio musical de época, a través dun grupo de corda pulsada composto por persoas afeccionadas á música, profesionais en distintos ámbitos laborais aos que une a súa pertenza a unha Tuna Universitaria durante a súa etapa académica.
Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutros puntos de Galicia, España e Portugal. Cómpre salientar a gravación do CD Viva Galicia! A música no tempo da Casa de la Troya, que foi presentado nun concerto celebrado o 14 de xullo de 2018 no Teatro Principal de Santiago. O título deste CD é unha homenaxe a Pérez Lugín; a José Gómez Veiga “Curros”, director musical da Tuna Compostelana naquel tempo e músico de grande influencia na vida musical de Santiago; e a Compostela e as súas rúas, polas que tantos estudantes pasaron ao longo dos máis de cinco séculos de existencia da súa Universidade.
Correo de contacto: agrupacionmusical@lacasadelatroya.gal.
Galería de fotos
Portada do CD "Viva Galicia! A música no tempo da Casa de la Troya"
Compoñentes
Bandurras: Carlos García, Jaime Lorenzo, José Antonio Nogueira.
Mandolinas: José Antonio González, Vicente Manso, Fausto Santamarina.
Laúdes: Eugenio García, Miguel Fernández, Francisco Martínez, Alejandro Otero.
Guitarras: Manuel Amenedo, Benigno Amor, Carlos Beceiro, José Manuel Díaz Maseda, Juan Carlos Díaz del Valle, Agustín Fernández, Manuel Fraga, Juan Ramón García, Esteban Ibáñez, Norberto Proupín.
Acordeón: Carlos Cuntín.
Contrabaixo: Andrés Martínez.
Gaitas: Fernando Blas, Vicente Manso.
Percusión: Antón Álvarez (pandeireta), Francisco Bouza (pandeireta), Jorge Campos (pandeiro), Carlos Pardo (pandeireta), Lino Souto (pandeireta).