O Museo
O Museo Casa da Troya recrea a antiga pensión estudantil inmortalizada por D. Alejandro Pérez Lugín na súa novela do mesmo título. Ambientada en Santiago de Compostela, retrata a vida estudantil compostelá de finais do século XIX e comezos do XX.
Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, tamén habilitado como lugar de estudo, e noutra época lugar de ensaio da Tuna Compostelana; e a sala de respecto, unha pequena estancia empregada durante as visitas dos familiares dos estudantes.
No segundo andar están os dormitorios, un colectivo e outro individual, ao cal se tiña dereito se se pagaba unha peseta máis. Esta habitación ocúpaa na novela o protagonista, Gerardo Roquer.
No ático atópase a cociña, situada na zona alta da casa para aproveitar mellor a luz natural do día e facilitar o desaloxo rápido do fume da lareira; ademais dun pequeno dormitorio, que na novela pertencía a Dona Generosa, a patroa.
O soto, que antigamente se usaba como corte dos cabalos, está dedicado ás Tunas Universitarias. Poden admirarse diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías… da estudantina. Consérvanse as peculiares escaleiras que facilitaban o paso dos cabalos, un dos poucos exemplos que aínda se manteñen na cidade compostelá.
A casa está ambientada con mobles e útiles da época. A maior parte do mobiliario foi adquirido polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, á familia de Jacobo Gil Villanueva, reitor da Universidade de Santiago a finais do século XIX e que na novela reflíctese no personaxe de Don Servando. Destaca tamén o instrumental médico cedido pola familia Vaamonde. Así mesmo, consérvanse fotografías, cadros e obxectos diversos que pertenceron a algunhas das persoas reais que inspiraron ós personaxes que aparecen no libro, como Manuel Casás (Manolito Casás na novela) ou Javier Puig (Javierito Flama).
O museo dispón dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela «La Casa de la Troya», así como de publicacións de autores relacionados coa obra de Pérez Lugín como Valle-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta… e outras de temática compostelá.