A Casa

A casa

A Casa da Troia é un museo romántico. Recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela «La Casa de la Troya». Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.

A historia da casa: de pensión de estudantes a museo

Dende 1886 ata 1906 a Casa da Troia funcionou como hospedaría de estudantes. A súa dona orixinaria é Generosa Carollo, propietaria da pensión na que se desenvolve a novela. En anos sucesivos viviron nela varias familias, unha en cada andar como era habitual na época, até mediados da década de 1960.

O 24 de marzo de 1966, no programa de radio da Cadena SER "Ustedes son formidables", presentado por Alberto Oliveras e que estaba dedicado á recadación de fondos para causas sociais, lográronse reunir 500.000 pesetas para adquirir a vella hospedaría estudantil da Troia e rehabilitala. A emisión comezou ás once da noite e ás doce e media xa se conseguiran tódolos cartos.

O Concello de Santiago adquire a casa pero a súa rehabilitación non se materializa ata principios dos anos noventa. Nese momento xa non quedaba nada da decoración orixinal. A casa baleirouse para tratar de recrear o ambiente e a distribución dos pisos, acorde coa época na que transcorre a novela, cara o ano 1885.

A casa abre as súas portas como museo o 27 de febreiro de 1993, grazas ao esforzo do mecenas Benigno Amor Rodríguez (Santiago de Compostela 1937-2009), quen lle dedicou boa parte da súa vida.

O 31 de outubro de 2008 o museo péchase ao público e o 15 de xullo de 2010, en pleno Ano Xubilar, volve abrir co impulso da Asociación de Antigos Tunos Composteláns. Na actualidade está integrado na rede de museos de Galicia e abre varios meses ao ano, en particular durante o verán.