A casa

A Casa da Troia é un museo romántico. Recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela «La Casa de la Troya». Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.

A historia da casa:
de pensión de estudantes a museo

Dende 1886 ata 1906 a Casa da Troia funcionou como hospedaría de estudantes. A súa dona orixinaria é Generosa Carollo, propietaria da pensión na que se desenvolve a novela. En anos sucesivos viviron nela varias familias, ata a década de 1960, momento no que se pecha debido ao seu estado de deterioración.

O 24 de marzo de 1966, no programa de radio da Cadena SER "Ustedes son formidables", presentado por Alberto Oliveras e que estaba dedicado á recadación de fondos para causas sociais, lográronse reunir 500.000 pesetas para adquirir a vella hospedaría estudantil da Troia e rehabilitala. A emisión comezou ás once da noite e ás doce e media xa se conseguiran tódolos cartos.

O Concello de Santiago adquire a casa pero a súa rehabilitación non se materializa ata principios dos anos noventa. Nese momento xa non quedaba nada da decoración orixinal. A casa baleirouse para tratar de recrear o ambiente e a distribución dos pisos, acorde coa época na que transcorre a novela, cara o ano 1885.

A casa abre as súas portas como museo o 27 de febreiro de 1993, grazas ao esforzo do mecenas Benigno Amor Rodríguez (Santiago de Compostela 1937-2009), quen lle dedicou boa parte da súa vida.

O 31 de outubro de 2008 o museo péchase ao público e o 15 de xullo de 2010, en pleno Ano Xubilar, volve abrir co impulso da Asociación de Antigos Tunos Composteláns. Na actualidade está integrado na rede de museos de Galicia e abre varios meses ao ano, en particular durante o verán.

O museo

O Museo Casa da Troia evoca unha pensión de estudantes de finais do XIX. O edificio construíuse a mediados do século XVIII. Ocupa unha parcela de 60 metros cadrados e posúe unha superficie visitable de 180 metros cadrados.

Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, tamén habilitado como lugar de estudo, e noutra época lugar de ensaio da Tuna Compostelana; e a sala de respecto, unha pequena estancia empregada durante as visitas dos familiares dos estudantes.

No segundo andar están os dormitorios, un colectivo e outro individual, ao cal se tiña dereito se se pagaba unha peseta máis. Esta habitación ocúpaa na novela o protagonista, Gerardo Roquer.

No ático atópase a cociña, situada na zona alta da casa para aproveitar mellor a luz natural do día e facilitar o desaloxo rápido do fume da lareira; ademais dun pequeno dormitorio, que na novela pertencía a Dona Generosa, a patroa.

O sótano, que antigamente se usaba como corte dos cabalos, está dedicado ás tunas universitarias. Poden admirarse diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías… da estudantina. Consérvanse as peculiares escaleiras que facilitaban o paso dos cabalos, un dos poucos exemplos que aínda se manteñen na cidade compostelá.

A casa está ambientada con mobles e útiles da época. A maior parte do mobiliario foi adquirido polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, á familia de Jacobo Gil Villanueva, reitor da Universidade de Santiago a finais do século XIX e que na novela reflíctese no personaxe de Don Servando. Destaca tamén o instrumental médico cedido pola familia Vaamonde. Así mesmo, consérvanse fotografías, cadros e obxectos diversos que pertenceron a algunhas das persoas reais que inspiraron ós personaxes que aparecen no libro, como Manuel Casás (Manolito Casás na novela) ou Javier Puig (Javierito Flama).

O museo dispón dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela «La Casa de la Troya», así como de publicacións de autores relacionados coa obra de Pérez Lugín como Valle-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta… e outras de temática compostelá.