O mecenas

Benigno Amor Rodríguez (Santiago de Compostela, 1937-2009) dedicou boa parte da súa vida a crear e manter o Museo Casa da Troia. Buscou financiamento entre as institucións públicas e mesmo aportou capital propio para ver cumprido o seu soño.

Benigno era un compostelán comprometido coa súa cidade, pola que traballou con iniciativas tanto profesionais como persoais. Conseguiu que o museo fose unha realidade despois de moito esforzo. Logrou que os descendentes de Jacobo Gil Villanueva (Don Servando na novela), reitor da Universidade de Santiago a finais do XIX, lle vendesen o antigo mobiliario da familia para acondicionar a casa. Viaxou en repetidas ocasións ao municipio lucense do Incio, co firme propósito de conseguir as vigas de castiñeiro que na actualidade recobren o chan da vella pensión de estudantes. Mantivo contactos cos Antigos Tunos doutras cidades galegas e de diferentes puntos de España. Todo para manter viva unha época que foi entrañable para a universidade e para a cidade compostelá.