Haberá visitas guiadas pola vella pensión de estudantes, en grupos de doce persoas como máximo
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse xa desde este xoves, 21 de marzo, ata o domingo 31 (incluído). Co fin de facilitar as visitas, abrirase tamén os dous domingos, o de Ramos e o de Pascua, pechando unicamente o luns 25 e o martes 26. O horario é o habitual, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O Museo abrirá novamente en maio para comezar a temporada de verán.
Benigno Amor é o director do Museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo. Explica que “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de doce persoas como máximo”. Anima a todos os composteláns e aos visitantes a que se acheguen nestas datas a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.
As entradas ao Museo son de 3 € o prezo xeral e de 2 € o reducido para familias numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes e peregrinos. “Nesta ocasión incorporamos tamén á veciñanza de Compostela á tarifa reducida, para animala a redescubrir unha parte da súa cidade, que seguro vai sorprender a quen non a coñeza. Ademais, a visita á Casa de la Troya é como unha viaxe no tempo, moi axeitada para facela en familia ou cun grupo de amigos” -sinala Amor-.
As visitas para grupos poden reservarse a través do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal ou dos teléfonos do Museo: 981 585 159 e 695 211 266. A partir das sete persoas aplícase un prezo especial de 1,50 € por visitante, sempre que sexa previamente concertada”.
“Aínda que nos meses de inverno o Museo permaneceu pechado, estivemos traballando na súa posta a punto. Neste tempo recibimos tamén a algún grupo que nolo solicitou, como o encabezado pola secretaria de Turismo do Estado de Querétaro (México), Adriana Vega Vázquez Mellado, que visitou a Casa de la Troya no marco dunha estadía para coñecer o modelo turístico de Galicia” -salienta o director-.
Tal como apunta Amor, “a nosa previsión é reiniciar despois a temporada de verán a mediados de maio, para celebrar o Día Internacional dos Museos e o Día das Letras Galegas. Abriremos as fins de semana, de xoves a sábado, ata mediados de xullo, e xa en horario continuado (de martes a sábado) ata mediados de setembro”. Indica así mesmo que no mes de maio regresarán os Roteiros Troyanos, percorridos teatralizados polo casco histórico da cidade e o Museo Casa de la Troya, que se prolongarán durante todo o verán.
Un edificio do século XVIII
O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O edificio, construído a mediados do século XVIII, foi hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela de Lugín e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor Rodríguez, finado no ano 2009.