Realizará unha ofrenda floral no cemiterio coruñés de San Amaro, onde está enterrado o escritor e xornalista, que se celebrará o sábado ás 12:00 horas
A Coruña, 20 de febreiro de 2020.- O Museo Casa de la Troya, emprazado en Santiago de Compostela, realizará unha ofrenda floral na sepultura de Alejandro Pérez Lugín, na Coruña, con motivo do 150º aniversario do nacemento do novelista e xornalista. Será o sábado, día 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no cemiterio de San Amaro. Trátase dunha iniciativa civil aberta á participación de cantas persoas e entidades queiran sumarse, á que asistirá a presidenta da Asociación da Prensa de A Coruña, Doda Vázquez. Ademais da ofrenda foral, está prevista unha pequena actuación por parte do grupo de pulso e púa do museo, Troyanos de Compostela, que interpretará dúas pezas do seu repertorio.
Alejandro Pérez Lugín naceu en Madrid o 22 de febreiro de 1870 e faleceu na Coruña o 5 de setembro de 1926. Foi xornalista, novelista, crítico taurino e director de cine. Fillo de Antonio Pérez Serrano, natural de Cabra (Córdoba) e de María Josefa del Carmen García Lugín y Castro, natural de Santiago de Compostela. En 1883 trasladouse coa súa familia a Santiago, onde cursou Dereito, licenciándose en 1891.
Pérez Lugín tivo sempre unha especial vinculación con Galicia. A súa nai era prima de Rosalía de Castro, quen estivo aloxada na súa casa na súa primeira viaxe a Madrid. Estudou a carreira de Dereito en Santiago, época que rememora na súa novela “La Casa de la Troya”, escrita en gran parte na súa casa na Mariña. Á súa morte, acaecida no Burgo, o Concello da Coruña encargouse oficialmente de organizar o seu enterro. Sobre o seu sepulcro colocouse unha escultura xacente realizada polo escultor Bonome. Como homenaxe, a cidade da Coruña dedicoulle unha rúa situada na “Cidade Xardín”. No seu testamento, Lugín deixou un legado á Asociación da Prensa da Coruña para crear o premio de xornalismo que leva o seu nome.
Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos y Amigos del Museo Casa de la Troya, entidade que xestiona o museo. Salienta que “a Pérez Lugín debémoslle a novela máis popular de todas cantas se cinguen ao ambiente compostelán, a súa primeira novela: La casa de la Troya (1915). Éxito de vendas inmediato, este relato estudantil fascinou aos lectores do seu tempo e non tardou en ser adaptada a novos medios de expresión. Por ela recibiu o premio Fastenrath da Real Academia Española”.
O museo Casa de la Troya recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos.