Realizaranse roteiros culturais teatralizados polo centro histórico de Santiago todos os venres cun máximo de 10 participantes.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya inicia este venres, 17 de xullo, a súa temporada de verán, logo de permanecer pechada por mor da covid-19. Poderá visitarse ata, alomenos, mediados de setembro, en función de como evolucione a crise sanitaria. O horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, pechando, como é habitual, os domingos e os luns. O museo aplicará os protocolos axeitados para que as visitas se fagan con total seguridade.
Os que se acheguen ao Museo Casa de la Troya terán a oportunidade de seguir as explicacións das guías pola vella pensión de estudantes. Tal como lembra Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo “as visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de dez persoas máximo”.
Roteiros troyanos
O museo inicia tamén o 17 de xullo a actividade dos Venres Troyanos, que se poñía en marcha hai tres anos con grande éxito entre público de todas as idades. Vaise desenvolver todos os venres ata mediados de setembro a partir das 19:00 horas desde a Praza de Mazarelos ata o museo, incluíndo unha visita ao mesmo. Poderán participar 10 persoas con reserva previa, chamando ao teléfono do museo (981 585 159) ou enviando un correo a visitas@lacasadelatroya.gal.
“Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela, co fin de achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya” -explica o director do museo-. Nestes percorridos o guía Suso Martínez caracterízase como o personaxe de Barcala, que representa ao estudante troiano.
Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica, realizados coa colaboración da Deputación da Coruña, terán unha duración aproximada de unha hora e media, ata as 20:30 horas. O número máximo de participantes por cada visita será de 10 e ten un custo de 5 € por persoa e 2 € para os rapaces de 6 a 14 anos.
Nova páxina web do museo
O Museo Casa de la Troya estrea nova páxina web –www.lacasadelatroya.gal-, cun deseño máis actualizado e con novas funcionalidades para achegar parte da historia compostelá a través do mundo online. O usuario poderá atopar información de utilidade sobre o museo e unha ampla información do edificio que o alberga, da novela, do propio Pérez Lugín, da agrupación musical do museo -Troyanos de Compostela-…e de como colaborar facéndose “Amigo do Museo” (cun custo anual de 15 €).
En canto á tecnoloxía, a nova páxina web adáptase aos estándares de Google para mellorar o seu posicionamento e achegar o museo a máis persoas a través da rede. Ofrece tamén novas posibilidades aos usuarios como a integración con Google Maps, que lles permitirá crear rutas desde calquera parte do mundo ata o museo. Trátase dunha web interactiva que engloba as principais ferramentas 2.0 (youtube, podcast…), o que a converte nunha plataforma aberta aos usuarios de todos os puntos do planeta.
Un edificio do século XVIII
O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín -este ano conmemórase o 150º aniversario do seu nacemento- na súa novela La Casa de la Troya no ano 1905. O edificio, construído a mediados do século XVIII, foi hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela de Lugín, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor Rodríguez, finado en 2009.