Presentación da reapertura da tempada de verán

O Museo Casa de la Troya reabre as súas portas durante os meses de verán coa exposición “Lugín en Compostela. 150º aniversario do seu nacemento”

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta mañá a temporada estival do edificio expositivo

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya reabría esta mañá as súas portas ao público, iniciando así a súa temporada de verán. Poderá visitarse ata mediados de setembro. O horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, pechando, como é habitual, os domingos e os luns. O museo aplicará os protocolos axeitados fronte á COVID-19 para que as visitas se realicen con total seguridade.

Ao acto de apertura asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a presidenta de Alumni USC, Benita Silva; o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, Benigno Amor; a subdirectora xeral de Bibliotecas Públicas e do Libro, Cristina Rubal; a xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia, Noelia Bascuas; xunto a varios directivos troyanos.

No transcurso do acto presentouse a exposición “Lugín en Compostela. 150º aniversario do seu nacemento”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia e o Museo Casa de la Troya, que, logo de recalar na Cidade da Cultura de Galicia, pode contemplarse agora no museo, onde permanecerá durante todo o verán. Os visitantes poderán seguir as explicacións das guías pola vella pensión de estudantes e pola propia exposición. Tal como indicou Benigno Amor, “as visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de vinte e cinco minutos, en grupos de dez persoas máximo”.

Por outro lado, continúan os roteiros culturais teatralizados polo centro histórico de Santiago e o museo todos os venres durante o verán. Xa se poden facer as reservas chamando ao museo (981 585 159). O primeiro será este mesmo venres, 25 de xuño.

Anxo Lorenzo lembrou que “a maior parte dos fondos desta mostra proceden da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, onde se custodian documentos moi valiosos vencellados a Lugín”. E salientou que “unha exposición dedicada ao 150º aniversario de Pérez Lugín tamén tiña que estar aquí, enriquecida ademais con fondos aportados pola Asociación de Antiguos Tunos. O resultado é unha mostra de enorme interese, que lle aporta un valor engadido á visita das persoas que se acheguen a esta casa museo, un espazo céntrico de Compostela que ofrece un contido cultural de relevancia”.

A concelleira de Acción Cultural sinalou que o sitio natural desta exposición é a Casa de la Troya”. Mercedes Rosón puxo de relevo que “o inicio da nova normalidade vainos permitir desfrutar de cousas como esta. Cada vez chegan máis peregrinos e visitantes e este é un lugar de encontro e de relación perfecto para o coñecemento da nosa cidade”.

Alejandro Pérez Lugín e os seus vínculos con Galicia e con Compostela

Alejandro Pérez Lugín (Madrid 1870 – Culleredo 1926) e a súa obra máis destacada están moi ligados a Galicia, sobre todo á cidade de Compostela. Fillo de Antonio Pérez Serrano, natural de Cabra (Córdoba), e da santiaguesa María Josefa do Carmen García Lugín e Castro, a súa árbore xenealóxica por parte de nai emparéntao con Rosalía de Castro. Chega a Santiago en 1886, cando os seus pais se instalan na capital de Galicia para rexentar a camisería “El buen gusto”, situada nunha das esquinas da praza do Toural, centro neurálxico da cidade naquela época. Neses anos é un estudante máis da súa universidade, licenciándose en Dereito en 1891.

Logo do seu labor xornalístico en Santiago e Madrid, publica a súa primeira novela, La Casa de la Troya, en 1915, que na época se converteu nun auténtico best-seller. Foi levada ao cine por primeira vez en 1924 -dirixida polo propio Lugín-, o que a sitúa nunha das longametraxes máis antigas da cinematografía española. A novela alcanzou gran popularidade, non só en España -onde foi premiada pola Real Academia Española-, senón tamén en América. Na actualidade segue a ser unha das obras máis editadas na historia da literatura do noso país.

Presentación da exposición “Lugín en Compostela. 150º aniversario do seu nacemento”
Presentación da exposición “Lugín en Compostela. 150º aniversario do seu nacemento”.

Mostra de 40 pezas

Ademais de conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Pérez Lugín, esta mostra quere poñer en valor La casa de la Troya como retrato da vida universitaria no Santiago de Compostela de finais do século XIX e principios do XX. Expóñense máis de 40 pezas, que tratan de reflectir non só a historia que se recolle na novela -a do estudante Gerardo R oquer, que chega de Madrid a Santiago e alóxase na pensión La Casa de la Troya-, senón tamén como era a cidade compostelá da época.

Ademais, amósanse outros títulos da “literatura de campus”, tradición literaria na que se encadra a obra de Lugín. O visitante poderá achegarse así mesmo a documentos que corroboran o éxito da novela La casa de la Troya, da súa adaptación cinematográfica e da súa versión teatral. O fenómeno editorial que supuxo para a súa época a obra de Lugín e a súa pegada noutras obras están tamén presentes nesta mostra homenaxe a Alejandro Pérez Lugín, autor dunha novela que pode definirse como das primeiras “superventas” da literatura española.

Un edificio do século XVIII

O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela. O edificio, construído a mediados do século XVIII, foi hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela de Lugín e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor Rodríguez, finado en 2009.

Scroll to top