Troyanos

O “III Festival dos Camiños” reunirá esta fin de semana en Santiago a antigos tunos procedentes de 15 países de Europa e América

A cita será o sábado no teatro do Colexio La Salle, ás 19:00 horas

As entradas poden adquirirse por 5 € no Museo Casa de la Troya

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- Coincidindo co 30 aniversario do Museo Casa de la Troya, esta fin de semana celébrase en Santiago o “III Festival dos Camiños”, enmarcado nos “V Encontros Troyanos en Compostela”. O obxectivo dos Encontros, organizados pola Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya, é o de reunir na capital galega a agrupacións musicais de corda pulsada, conformadas na súa marioría por antigos tunos, co fin de que interpreten o seu repertorio para cidadáns e visitantes. No evento colaboran a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e o Colexio La Salle.

Contarase coa participación dos Tunos Decanos de Iberoamérica (TUDI), agrupación integrada por antigos tunos de 15 países: Bolivia, Chile, Colombia, El Salvador, Ecuador, Guatemala, México, Panamá, Perú, Puerto Rico, Estados Unidos, Canadá, Países Baixos, España e Portugal. Ademais, estarán os anfitrións, Troyanos de Compostela, xunto á Veterana Tuna de Farmacia de Santiago de Compostela. O festival terá lugar o vindeiro sábado, 16 de setembro, no teatro do Colexio La Salle, a partir das 19:00 horas.

O venres as tres agrupacións reuniranse no Museo Casa de la Troya. Ás 12:00 h asistirán na Catedral á misa do peregrino e ao remate actuarán na Praza da Quintana. Pola tarde, ás 18:30 h, unha representación dos participantes será recibida polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, no Pazo de Fonseca. E a xornada concluirá cun roteiro troyano polo centro histórico da cidade compostelá.

O sábado pola mañá, ás 12:00 horas, celebrarase unha conferencia na facultade de Medicina da USC (con entrada libre libre ata completar aforo) baixo o título “La ida y vuelta en el repertorio y la organología tunantesca: la deriva latinoamericana”, que impartirá o profesor José Carlos Belmonte Trujillo, doutor en Pedagoxía da Música da Universidad de Extremadura.

O Festival dos Camiños

Cartel
Cartel dos “V Encontros Troyanos en Compostela”

As entradas para o festival poden adquirirse por 5 euros no Museo Casa de la Troya. Esta entrada será válida así mesmo para visitar de xeito gratuíto o museo durante o mes de setembro. Ata o día 16 abre de martes a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O resto do mes e ata o 14 de outubro -que pecha, como é habitual, ata Semana Santa- a vella pensión de estudantes poderá percorrerse de xoves a sábado.

“Continuamos coa liña de anteriores Encontros de achegar as nosas músicas tanto á cidadanía de Compostela como aos visitantes; co obxectivo de divulgar o noso repertorio, composto de pezas que forman parte da banda sonora de Santiago, mesturando no Festival dos Camiños as cancións galegas coa música iberoamericana” -explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo Casa de la Troya-.

Tunos procedentes de 15 países diferentes

Os Tunos Decanos de Iberoamérica é unha agrupación fundada en 2020, conformada por un total de 160 membros de Europa e América. Buscan establecer lazos de irmandade a través de todos os países de Iberoamérica, fomentando as relacións culturais, as fusións musicais e procurando manter vivas as tradicións para as xeracións futuras. Están a traballar nunha proposta para que a Tuna sexa recoñecida pola Unesco como Patrimonio Cultural da Humanidade.

A Veterana Tuna de Farmacia de Santiago de Compostela nace en no Ano Santo de 1993 da inquedanza de sete universitarios titulados nunha das facultades máis carismáticas da tradición universitaria compostelá. Desde entón levan a herdanza dos primeiros tunos por toda Galicia, España, Portugal e tamén por diversos países de Europa. En 1999 gravaron o seu disco “Tradición”, que resume a súa música e a súa maneira de vivir a Tuna.

Pola súa parte, Troyanos de Compostela, nacida en 2013, xurdiu como proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya cos obxectivos de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España e Portugal. En 2018 presentaron o seu disco “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”.

Scroll to top