Suso Martínez

A Casa de la Troya organiza novas visitas culturais teatralizadas polo centro histórico de Santiago

Comezan este venres, 1 de setembro, partindo da praza de Mazarelos ás 19:00 horas

O número máximo de participantes é de 12 persoas por roteiro

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya, que este ano conmemora o seu 30º aniversario, vai celebrar novos roteiros troyanos, visitas culturais teatralizadas polo centro histórico compostelá, ao longo do mes de setembro. O primeiro terá lugar este venres, día 1. Os seguintes están previstos para os días 15 e 22 de setembro.

Cartel dos Venres Troyanos
Cartel dos Venres Troyanos

Esta iniciativa poñíase en marcha hai seis anos con grande éxito entre o público de todas as idades. Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Indica que “estes roteiros culturais dramatizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela buscan achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya”. Durante o percorrido explícase como era a cidade entón, os usos sociais hoxe desaparecidos e tamén se afonda nas personaxes e anécdotas da época. “Retomamos deste xeito unha actividade cunha magnífica repercusión, que comezamos en 2017 co obxectivo de sacar o museo á rúa. Queremos así animar aos composteláns e compostelás a viaxar no tempo pola súa cidade” -sinala Amor-.

Estes roteiros realízanse en colaboración coa Deputación da Coruña, ao abeiro dunha subvención que permitiu tamén realizar tarefas de conservación preventiva no Museo. Cada unha das rutas parte da praza de Mazarelos, ás 19:00 horas. No percorrido visítanse varios espazos emblemáticos do casco histórico. O destino final é o propio Museo Casa de la Troya, onde os asistentes terán a oportunidade de facer unha visita guiada pola vella pensión de estudantes. Cada roteiro ten unha duración aproximada de unha hora e media, concluíndo sobre as 20:30 horas.

O número máximo de participantes é de 12 persoas por roteiro e o prezo é de 5 € para adultos e de 2 € para os menores de 16 anos. Os interesados en participar nesta actividade deberán facer a súa reserva a través dos teléfonos do museo (981 585 159 / 695 211 266) ou por correo electrónico (visitas@lacasadelatroya.gal).

Estas visitas guiadas ofrecen a posibilidade de viaxar á Compostela de finais do século XIX e principios do XX da man do personaxe de Casimiro Barcala, o estudante recreado por Pérez Lugín na súa novela; interpretado por Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia. Nesta actividade combínase a información cultural e histórica co humor, vencellando os lugares que se visiten coa trama e curiosidades que se recollen no libro.

Ata o 16 de setembro o Museo abre de martes a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O resto do mes e ata o 14 de outubro -que pecha, como é habitual, ata Semana Santa- poderá visitarse de xoves a sábado.

Scroll to top