Foto de participantes no roteiro teatralizado.

A Casa de la Troya organiza novas visitas culturais teatralizadas polo centro histórico de Santiago

Comezan este xoves, 8 de xuño, partindo do Centro Sociocultural Maruxa e Coralia ás 19:00 horas

O número máximo de participantes é de 15 persoas por roteiro

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa de la Troya, que este ano conmemora o seu 30º aniversario, vai celebrar novos roteiros troyanos, visitas culturais teatralizadas polo centro histórico compostelá. O primeiro terá lugar este xoves, 8 de xuño. Os seguintes están previstos para os días 16 e 22 deste mes.

Esta iniciativa poñíase en marcha hai seis anos con grande éxito entre o público de todas as idades. Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Explica que “estes roteiros culturais dramatizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela buscan achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya”. Durante o percorrido explícase como era a cidade entón, os usos sociais hoxe desaparecidos e tamén se afonda nas personaxes e anécdotas da época. “Retomamos deste xeito unha actividade cunha magnífica repercusión, que comezamos en 2017 co obxectivo de sacar o museo á rúa. E este ano quixemos facelo cos centros socioculturais para animar aos composteláns a viaxar no tempo pola súa cidade” -indica Amor-.

Estes roteiros realízanse en colaboración co Centro Sociocultural Maruxa e Coralia da cidade histórica (situado na Praza de Salvador Parga), de onde partirán, ás 19:00 horas. O número máximo de participantes é de 15 persoas por roteiro e o prezo é de 1 €. Os interesados en participar nesta actividade deberán facer a súa reserva a través do teléfono do Centro Maruxa e Coralia (981 54 24 56).

O percorrido remata na Casa de la Troya, onde os asistentes terán a oportunidade de facer unha visita guiada pola vella pensión de estudantes. Cada roteiro ten unha duración aproximada de unha hora e media, finalizando sobre as 20:30 horas.

Estas visitas guiadas ofrecen a posibilidade de viaxar no tempo ata a Compostela de finais do século XIX da man de Casimiro Barcala, o estudante recreado por Pérez Lugín na súa novela; interpretado por Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia. Nesta actividade combínase a información cultural e histórica co humor, vencellando os lugares que se visiten coa trama do libro.

Exposición de portadas da novela

Nestas datas a Casa de la Troya abre de xoves a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Todas as visitas son conducidas polas guías do museo e teñen unha duración de entre 20 e 25 minutos, en grupos de dez persoas máximo. Ademais, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia do casco histórico de Santiago pode visitarse ata finais de xuño a exposición “La Casa de la Troya, portadas no tempo (1915-2021)”, unha colección de portadas da novela de Lugín propiedade de Xosé Luís Bernal, “Farruco”, comisario da mostra, un total de 40 edicións diferentes.

Scroll to top